in

Falece Lino Braxe, figura polifacética da cultura galega

Falece Lino Braxe
Imaxe de Eduardo Castro Bal
O actor, escritor e director teatral mugardés faleceu onte, 25 de decembro, na cidade da Coruña. | Imaxe: Eduardo Castro Bal / Ollo de Vidro / AELG |

 

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda facía pública a triste nova nas súas redes a última hora da tarde de Nadal: Lino Braxe (Mugardos, 1962), director nos últimos anos do grupo teatral da asociación, falecía na súa casa de Coruña aos 58 anos. Ligado ao mundo da cultura galega, destacou como poeta na chamada Xeración dos 80, e a súa traxectoria levouno tamén á interpretación, aos medios de comunicación, ás artes plásticas e á dirección e escrita teatral.

Braxe comezou no teatro profesional en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, Malbarate e outras compañías. Volveuse popular pola súa aparición en produccións audiovisuais tan coñecidas coma Mareas Vivas, Pratos combinados, A vida por diante e Rías Baixas. Foi, ademais, actor de dobraxe e locutor de radio. Durante dez anos traballou en RNE. Nese tempo, adaptou para as ondas a obra dramática completa de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor.

Autor dunha ampla bibliografía, deuse a coñecer na antoloxía poética De amor e desamor. Asinou, entre outros, Banquete, Entre ruínas, A caricia da serpe, O sangue dos árabes, O segredo namorado ou O botín da miseria, o seu último texto publicado. Na súa produción dramática destacan as pezas Inverno occidental, A actriz e A promesa.

Ao coñecerse o seu pasamento, moitas figuras destacadas da sociedade e da cultura galega quixeron despedirse de Braxe. Entre elas, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que escribiu na súa conta de Twitter: “Coñecín e apreciei fondamente a Lino Braxe. A súa perda é irreparable para tantas amizades e xente querida, e para a cultura galega. Con moita dor dicimos adeus ao poeta, ao home de teatro, ao activista xeneroso e vital, unha voz imprescindible á que hoxe choramos con tristeza”.


Publicidade

Lino Braxe foi un dos fundadores de Luzes e colaboraba como articulista para o xornal coruñés La Opinión. A súa peza Campo Sur foi publicada no número 36 da Revista Galega de Teatro | erregueté.

Ante todo, Braxe considerábase poeta. Sirvan os seus propios versos para lembralo:

 

E pensa o náufrago
que nas illas desertas
non hai cimeterios

A illa misteriosa (2004)

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Prendendo Butacas Deputación Pontevedra

Prendendo Butacas: teatro desde a casa este Nadal

Rosalía, infantil de Culturactiva

Rosalía