in

Rosalía

Rosalía, infantil de Culturactiva
Elefarte

Cando o teatro infantil respecta ao seu público

 

É ben gustoso sentar na butaca e desfrutar dun infantil onde non tratan á cativada con excesiva condescendencia. Algo que poucas veces ocorre nas funcións para os máis pequenos é esa certeza de que non van infravalorar ao seu público, deixando oco non só á imaxinación senón a que poidan comprender linguaxes e palabras que nunca viron ou escoitaron.

Isto, o de respectar ao seu público, é o que ocorre en Rosalía. A montaxe de Culturactiva, interpretada por Cristina Collazo e Rocío González, con dirección de Fina Calleja, consegue romper coa visión choromiqueira da popular poeta iriense. O texto de Nate Borrajo, cheo de riqueza léxica e coa xusta dose de poesía, achéganos a infancia máis viva de Rosalía de Castro. Un momento no que se enfronta ao conflito que sinte ao abandonar a aldea para ir vivir coa súa nai despois de anos baixo a tutela das súas tías paternas.

Publicidade

Se sempre é un pracer ver en escena a Rocío González, nesta ocasión, a unión con Cristina Collazo fai que o texto flúa, que as accións gañen forza e que non caía o ritmo nin un instante durante os corenta minutos de representación. Conseguen que un tema tan manido coma a vida de Rosalía (ou calquera outro poeta dos nosos clásicos) non aburra. Conectan coa cativada mantendo a enerxía e o espírito de xogo que aporta o teatro, o que é un acerto por parte da dirección.

O espazo escénico é sinxelo e monocromo, afástase das cores vivas das que tanto nos ten acostumado este xénero. Adolece de practicidade agás polo emprego dun armario que funciona ás veces de acubillo da pequena Rosalía e por un par de cadeiras que serven non só para sentar.

Publicidade

En definitiva, unha peza que trata ao seu público, aos rapaces e rapazas de primaria, coma o que son: nenos e nenas con capacidade para pensar e imaxinar. Unha proposta sinxela na que a interpretación das actrices é o seu máximo aliciente para sentar e gozar ou, neste caso, ver a través de Internet grazas ao programa Prendendo Butacas na casa da Deputación de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Rosalía, Culturactiva

Elenco: Rocío González e Cristina Collazo
Dirección: Fina Calleja
Texto: Nate Borrajo
Escenografía: Carlos Domínguez del Río
Música: Adrián Saavedra
Vestiario: La Canalla
Perruquería Rosalía: Raquel Fidalgo
Voz nai: Nate Borrajo
Iluminación e son: David Rodríguez e Javier Ayude “Beca”

Prendendo Butacas, teatro en liña da Deputacion de Pontevedra. 24 de decembro de 2020.

Avatar

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GIPHY App Key not set. Please check settings

    Falece Lino Braxe

    Falece Lino Braxe, figura polifacética da cultura galega

    Allea proxecto transmedia de Xosé Leis

    Presentación en Coruña do proxecto ‘Allea’ de Xosé Leis