in

Electra

Electra Companhia do Chapitô

A traxedia reflectida nunha culler

| María Grandío Montes |
| Foto: Susana Chicó |

 

Unha tarde morna de novembro en Lugo, arrolados por un suave céfiro -o mesmo que lle falta a Agamenón e desencadea a traxedia-, acudimos ao teatro para buscar acougo, para procurar unha catarse que dende hai un tempo non parece posible. Porque levamos uns meses, na vida e no teatro, pechados sobre nós, recollidos, cóncavos coma culleres. E son precisamente as culleres, coa súa concavidade, coa súa sinxeleza, coa súa perfección de tecnoloxía ácrona as que, nesta Electra da compañía lisboeta Chapitô que nos convoca, esencializan toda a forza da traxedia clásica.

Así entramos, pois, no teatro, coa esperanza de saírmos renovados, de atopármonos vivos, indemnes, tras presenciar o destino fatal dos heroes e purificármonos, daquela, do medo á vida. E xa dentro, comprendemos outra vez en que consiste o propio teatro. Outra vez, porque a cada volta nos proba que é posible poñer en escena unha peza de hai vintecatro séculos, miles de veces representada, e porén renovar a palabra, a escenografía, os personaxes; dar unha lectura un tempo nova e antiga; confrontar a un público de hoxe con verbas de onte e dicir algo que ten máis actualidade que o que está a ser noticia.

E todo coa fonda seriedade do humor, coa sinxeleza profunda das historias clásicas, coa linguaxe da face e do corpo. E con culleres. Se no esperpento os heroes tráxicos aparecían reflectidos nos espellos cóncavos do caleixón do Gato, aquí fano na concavidade das culleres que vemos por todo o escenario; vense deformadas nese reflexo, e aínda así perfectamente recoñecibles, as caras de Climenestra, Orestes, Égisto, Ifixenia, Agamenón e Electra.

Cunha partitura de movementos e un traballo actoral rigurosísimos, cun dominio impecable dos tempos e as pausas, da palabra e do silencio, a compañía Chapitô consegue de novo con Electra o que xa fixera con Edipo: facer accesible a un público diverso a profundidade do mito; demostrar que o teatro foi e é leito necesario das historias míticas porque, coma elas, leva en si a forza do intemporal.

Os tres actores alternan os personaxes a golpe de culler coa naturalidade coa que Agamenón mata sen contemplacións a Ifixenia; coa mesma coa que a traizón, a soberbia, a avaricia, a luxuria e mesmo a gula pasan pola escena sen que poidamos parar de rir ante a tráxica identificación cos heroes.

A complexa escenografía que nos leva por todo o Peloponeso, de Micenas a Troia, ida e volta, son corpos e culleres. Nin máis nin menos. O universo non é un ovo -demostrárono dando boa conta-, é unha culler.


Publicidade

E con todo isto ponse en marcha o mecanismo perfecto do teatro. Opera de súpeto a purificación da traxedia e recoñecémonos nas vinganzas e nos enganos, identificamos os disfraces cos que nos ocultamos e as teimas coas que vivimos. Anagnórse é ver a eses heroes e deuses como humanos, e como humanos recoñecérmonos tamén. O teatro, ante nós, vivo en non máis de trinta almas que, polas restricción de aforo por mor da COVID- 19, fomos neste día coro tráxico.

Remata a obra co regusto de ter saboreado durante a representación o prato que se serve frío. E os espectadores aceptamos con fruición que non só a vinganza, senón tamén a ensalada grega, levan sendo prato de gusto dende sempre. Ironicamente, ningún se come con culler.

 

Electra, creación colectiva da Companhia do Chapitô sobre a obra de Sófocles

Dirección: Jose Carlos García e Cláudia Novóa
Elenco: Jorge Cruz, Susana Nunes, Tiago Viegas
Vestiario: Glória Mendes
Dirección Técnica: Paulo Cunha
Dirección de produción: Tânia Melo Rodrigues

Auditorio Gustavo Freire, Lugo. 12 de novembro de 2020. 

María Grandío Montes

María Grandío Montes

É Licenciada en Filoloxía Hispánica e Inglesa e doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola USC. Actualmente é docente de secundaria no IES Fontem Albei da Fonsagrada. No eido teatral forma parte do colectivo Microefectos Dramatúrxicos, onde escribe, dirixe e actúa en pezas teatrais breves, algunhas delas recollidas na publicación colectiva 'Microefectos Dramatúrxicos' (Laiovento, 2017). Asimesmo, é integrante da Asociación de artes escénicas 3 Monos e cofundadora, xunto a Nieves Neira Roca, da Asociación Ámboa Editorial.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios María Casares

A COVID adía os María Casares ata novo aviso

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva gaña o primeiro Certame de Microteatro da Memoria