in ,

A emotiva despedida de Manuela, a secretaria do CDG

Manuela Domínguez CDG
Foto de CDG

Manuela Domíngez, a secretaria de dirección do CDG, deixaba o seu posto tras 35 anos de traballo. Moitos anos na institución que remata coa súa xubilación e moitos recordos ás súas costas que quixo agradecer dun xeito moi especial. Unha carta publicada en redes e na que fai un repaso as producións máis sinaladas do CDG.

 

Prezadas e prezados:

Hai 35 anos, cando Eu estaba na casa e agardaba que viñese a chuvia, fun chamada para traballar neste Lugar. Cheguei ao Centro Dramático Galego, onde A noite ía coma un río, e hoxe, despois Daquel abrente, atopo que ese río é O Charco de Ulises. Para os que dubidan do cambio climático!

Aquel Ano do cometa comprendín que Da Vinci levaba razón: este era o meu sitio soñado nunha Noite de verán e nunha Noite de reis. Todo era unha grande Festa rachada, animada polo Bufón de El Rei e O Mariscal. E eu sempre nun papel Colaborador para apañar a colleita das novas Lagaradas.

Entre Informes, Actas escuras e Follas novas para construír moitos espectáculos marabillosos con Divinas palabras en galego, urdín a miña Ligazón co CDG e o meu convencemento de que non o abandonaría nunca.

Despois desta longa travesía nesta Nau de amores, repaso o Caderno de bitácora e vexo con bágoas nos ollos que, por fin, O vello Simbad cando volveu ás illas caeu na conta de que Os vellos si poden namorarse, que coma Peregrinos errantes cansamos o demo, Burlamos o galo e tivemos Días con gloria.

Acompañáronme mulleres fortes coma Celestina, Antígona, Lisístrata, Helena (a de Leoncio), Salomé e Rosalía. E nunca esquecerei aquel Mozo que chegou de lonxe


Publicidade

Neste Xardín suspenso, tamén tivemos Espectros, Hostias, Enfermos imaxinarios, Almas perdidas. Neste Mar revolto seguimos o ronsel dunha Longa viaxe cara á noite e decidimos Regresar ao deserto antes de rematar na Casa dos afogados.

Resistir neste Mundo persistente ten Premio. Agora Cambio de foco. Deixo A fiestra valdeira para que entre xente nova. Atoparédesme na Cabana de Babaiagá ou en Illa Reunión ou… en Irlanda. Con Piragua ou sen ela, ou de Turista levando gafas de sol, estarei ao voso dispor incluso en Martes de Carnaval.

Levarei mellor a miña Neoretranca e posmorriña degustando, como un Gurgullo, As laranxas máis laranxas que todas as laranxas e… Tarará chis-pum.

Así é, se vos parece.

 

Moitos compañeiros/as de profesión quixeron mostrar nas redes o seu agradecemento, e recordar o seu “galego con acento andaluz” tan especial. Sen dúbida, unha xubilación ben merecida.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Viaje a la Luna

Marta Pazos dirixe ‘Viaje a la luna’

Kirenia Danza residencia artística

Kirenia Danza desenvolve unha residencia artística en Suecia