in

Anómico Teatro estrea ‘Anxos abandonados en mosaicos despois do combate’ en Vigo

Anomico teatro 1 scaled |
Imaxe de Anómico Teatro

Preséntase no Auditorio Municipal mañá, venres día 26, e o sábado 27 de febreiro, ás oito da tarde.

 

Este novo proxecto de Anómico Teatro, con texto, espazo, iluminación e dirección de Julio Fernández, ten a súa orixe nun poemario homónimo do ano 1991, escrito a raíz da Guerra dos Balcáns. Fronte á decadencia da arquitectura moral ilustrada que evita asomarse, por covardía, aos desastres físicos das guerras e calquera outra consecuencia de inxustiza global, as miradas dos anxos reimaxinan os escenarios da destrución como consolo para o desasosego e como exercicio coherente de conciencia.

Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, de Anómico Teatro, que se estrea esta fin de semana no Auditorio do Concello en Vigo, afonda na idea do abandono, xa experimentada pola compañía na performance Paisaxes de extinción (2017), mais neste caso centrándose na realización dunha escena ligada á arte desde a palabra poética.

Cun transfondo claramente antibelicista e de defensa da beleza, a realización escénica xira ao redor dunha idea: a necesidade de que existan seres que coiden deste maltreito mundo.

Aínda que non ten con personaxes claramente definidos, a peza, que conta con Xosé Manuel Esperante en escena, recrea figuras: anxo, pallaso e soldado. A primeira delas dende unha perspectiva alegórica da bondade, a segunda como xogo retórico e esperpéntico do propio teatro e a terceira como vítima da violencia exercida (mesmo cando non hai vontade real). Ademais,  ten un formato próximo ao circense na súa estrutura fragmentaria e na visibilidade do presente absoluto.

A terra azul que tingue o espazo, unhas ás xigantes que se despregan, ou o material escultórico e audiovisual que percorre o tempo da representación, dan forma a unha peza que busca no ritmo e na música (esta a cargo de Roberto García de Mesa), os seus mellores aliados.


Publicidade

O proxecto está a rematar unha residencia de produción no Centro Dramático Galego, que comezou o día 20 e que finaliza hoxe, antes da estrea mañá en Vigo, dentro do programa Vigocultura.

 
 
Anxos abandonados 2 |

Apaga os ollos / frea o martelo sobre a chapa / golpea tambor o teu embigo / fala marabillas / segue andando pola vida / á luz da espera. / Coa liberdade non se trafica./ Pero non todos nacen con ela. / Quen a ten non a venden. / Quen a ten / compran con ela / outras máis pequenas e indefensas. / Nos campos que cultivo / non hai terra./ Se algo me pertence / non será meu.

Ficha artística e técnica

Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, de Anómico Teatro

Texto, espazo, iluminación e dirección: Julio Fernández.
Actuante: Xosé Manuel Esperante.
Música: Roberto García de Mesa.
Produción: Anómico Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

El abrazo Provisional Danza

El abrazo

Estrela do día 4

Excéntricas estrea ‘Estrela do día’ na Coruña