in

Anxos abandonados en mosaicos despois do combate

Anxos abandonados
Imaxe de Anómico Teatro

Despois da apocalipse

 

A apocalipse xa tivo lugar, non te lembras?

Foi hai nada, un anaco apenas. Estourou a bomba nuclear e fixo anacos os corazóns dos seres humanos, os mesmos que fixeron posible o estourido.

Foi un masacre, un asasinato, un exterminio.

Foi un exercicio de responsabilidade.

Anómico Teatro estrea no Auditorio do Concello de Vigo a súa última peza, Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, levando á escena a paisaxe apocalítptica do corazón crebado, da soidade do ser humano ante a traxedia de ser humano.

O único ser vivo capaz de reflexionar sobre a súa propia traxedia, a de ser, é o ser humano. Capaz de premer o botón que fai estourar a bomba e chorar logo polos seus resultados. O único ser vivo capaz de matar xs conxéneres e cantar a súa soidade. O único capaz de crear e destruír ao mesmo tempo e mesmo facer do proceso unha obra de arte.


Publicidade

Seguindo as teses abordadas en proxectos como Paisajes de extinción, Julio Fernández escribe, dirixe, espalla polo espazo e mesmo ilumina a súa nova peza. Nela, a poética persoal do autor abrangue a totalidade da proposta, formulada na escena a través do actor Xosé Manuel Esperante.

A palabra leva o peso da proposta. Unha palabra que tanto ocupa que ás veces faise(me) difícil sostela, escoitala, aturala. Entendendo que esta é aposta, a saturación por acumulación de poesía. É con ela e a través dela que o autor amosa as súas propias ruínas, a súa dor pola miseria da raza humana incapaz de salvarse a si mesma. Con todo, eu quedo máis pegado ás accións: á choiva de muletas, ao renxer da bicicleta, á construción do monumento ao soldado morto. Unha acción recorrente, que se anuncia e desenvolve, ás veces de xeito demasiado evidente, pero sempre con sentido e coherencia escénica.

Xosé Manuel Esperante compón unha actuación medida e repousada, asentada na musicalidade da poética de Fernández, moi coherente co seu universo. Móvese pola paisaxe escénica coa gravidade do que se sabe último supervivente da especie e, polo tanto, narrador da nosa extinción. Tamén, a dozura do que lembra o querido: aquelxs nenxs que pintaban anxos nos muros.

O espazo escénico é sinxelo e vinculante. Todo ten sentido e uso para a narración. Un bosque de muletas que semella un feixe de leña. Tamén os vídeos e videocreacións, paisaxes de ruínas urbanas poboadas de anxos fantasma.

Persoalmente, saio da peza cun fondo triste, amargo, consciente de que a apocalipse da que nos acaban de falar xa aconteceu, de que xa prememos o botón e a bomba xa estourou. O mundo que coñecemos e amamos xa non existe. Nós mesmxs acabamos de destruílo.

Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, Anómico Teatro

Texto, espazo, iluminación e dirección: Julio Fernández
Actuante: Xosé Manuel Esperante
Música: Roberto García de Mesa
Produción: Anómico Teatro

 

Estrea no Auditorio Municipal de Vigo. 27 de febreiro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios Follas Novas

Antón Reixa, Santiago Cortegoso e Raúl Dans, finalistas dos premios Follas Novas

Castelvines y Monteses

Comeza a XXI Mostra de Teatro Clásico en Lugo