As pezas Melancoholemia de Reixa (Kalandraka Editora), O charco de Ulises de Cortegoso (Edicións Positivas e Xunta de Galicia) e Só un home bo de Dans (Positivas) son as tres finalistas na categoría de teatro duns galardóns que se resolverán o vindeiro 15 de maio.
Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que, en palabras das entidades convocantes, “repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundos dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos”.
Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta gala será transmitida de xeito online e, en función da situación pandémica do momento, poderá ter formato presencial se fose posible.
Tres son as pezas finalistas na categoría de teatro: Melancoholemia (Vida de mamarracho) de Antón Reixa, editada por Kalandra; O charco de Ulises de Santiago Cortegoso, versión libre da Odisea editada por Edicións Positivas en colaboración coa AGADIC, e que foi estreada a principios deste ano como produción do Centro Dramático Galego; e Só un home bo de Raúl Dans, peza gañadora do II Premio Laudamuco de Textos Teatrais, editada, tamén, por Positivas.
A elección dos títulos e autores que forman parte do listado de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia aportaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a lista definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son os gañadores en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), o Xacobeo 2021 e a Xunta de Galicia.