in

Salvador

Salvador
Imaxe de Miramemira

O triángulo da memoria

A prensa non deixa de dicir, falando de Salvador, que esta é unha peza que trata sobre a emigración ou sobre os migrantes. Eu atopo que o caso da migración é aquí un asunto colateral, que ten que ver co propio desenvolvemento da peza, mais non precisamente coa súa xénese. Non estamos ante unha peza que fale dos que marcharon. Estamos ante unha peza que fala dos que se volveron a encontrar. Unha viaxe de ida e volta.

Dende a miña perspectiva, Salvador é un monumento á memoria.

Estariamos, entón, ante un proxecto de recuperación da memoria, da memoria de Borja Fernández (Salcedo, 1977) e dos fíos perdidos na súa árbore familiar.

Os mitos familiares teñen a mesma forza caos clásicos. O tío falecido prematuramente, a curmá solteira, a avoa que foi internada nunha residencia, o avó que marchou e non volveu teñen a mesma carga tráxica, cando son lembrados, ca un Orestes, unha Ifixenia, unha Electra ou un Edipo. Son as nosas mitoloxías particulares, as que conforman a nosa historia persoal e determinan moitos dos nosos camiños (moito máis do que pensamos) e, por ser precisamente míticas, inamovíbeis, xigantes, son tráxicas.

Algo fica detido cando unha persoa da nosa familia desaparece, marcha un día pola porta e non volta máis. Esa historia queda sen rematar, consumindo unha enerxía inxente en lembranzas, pensamentos, inquedanzas, dores e xenreiras. É preciso que alguén lle poña fin para que o círculo se peche e a árbore familiar fique, á fin, tranquila.

Ese é o propósito de Borja Fernández con Salvador, unha peza onde as liñas vitais de avó e neto coliden por fin, chegando a coñecerse logo de nunca terse visto. O neto, o actor galego de hoxe, percorre o mesmo camiño que no seu día colleu o avó cando marchou para o Brasil sen avisar. Ese percorrido é de todo necesario, xa que estamos na terra dos mitos e, para ser un iniciado nos misterios, tes que facer o mesmo traxecto que fixeron os deuses. O deus, o descoñecido, é neste caso o avó, Benito Fernandes Meirinho, quen colleu un día pista para Brasil e quedou alá xa para sempre.


Publicidade

Algo que aparece neste Salvador son as novas tecnoloxías. Perdoade que cambie radicalmente de terzo, mais é preciso. Todo comeza cunha mensaxe no Facebook, dun fillo do tal Benito, poñéndose en contacto co mesmo Borja. As redes de comunicación serven, por fin, para comunicarse e neste momento comezamos a pechar o círculo. As redes poñen en contacto non só a tío con sobriño, senón tamén a avó con neto, traspasando dimensións de realidade. Aí comeza o camiño da memoria.

Esa mesma tecnoloxía acompaña a proposta escénica dende unha concepción moderna e cun punto de verbena. Dúas mesas enfrontadas onde Borja e a videojockey Laura Iturralde irán percorrendo o camiño do reencontro, que xa non terá unha dirección circular, senón triangular. Os vértices desta historia uniranse trazando liñas rectas, como pintadas enriba dun mapa, percorrendo tanto distancias como tempos como posibilidades. No fondo, unha enorme pantalla onde se proxectarán eses camiños en forma de fotografías, vídeos ou creacións en directo da man da propia Laura, quen participa tanto da peza como o mesmo Borja.

No entanto, Borja Fernández, narra, fabula, canta, dialoga con voces alleas ou incorpora as pantasmas do alén da súa familia, nun percorrido que irá pechando ese triángulo que o actor abriu cos seus espectáculos Jean Paul (cía. Belmondo, 2004) e Rewind, fantasías en 1987 (Borja Fernández/Uxía P. Vaello, 2010).

Salvador estreouse na sala Ensalle de Vigo, no ano 2017, logo dun proceso creativo onde participaron o mesmo teatro Ensalle, as residencias Berberecheira e do CDG ou o Espaço Luna Lunera de Belo Horizonte, sendo elixida pola rede Iberescena para o seu apoio na creación dramatúrxica.

Agora que pasaron uns cantos anos dende a súa estrea, Salvador segue a manter ese aire fresco que contrasta co seu fundamento tráxico. Borja e Laura compoñen unha parella de ánimo lúdico e iso transmítese ao público. Curiosamente, esa pode ser a herdanza que a Borja lle deixara o seu avó, quen aparece xa na peza dándolle a man a unha Miss brasileira en plena festa.

Non sabemos se Borja Fernández chega a pechar o triángulo co seu avó, mais semella que agora están máis preto.

Salvador, Borja Fernández

Dirección e autoría: Borja Fernández
Adaptación: Manolo Cortés
Escenografía: Borja Fernández, Laura Iturralde, Uxía P. Vaello
Deseño son: Borja Fernández
Deseño iluminación: Laura Iturralde
Vestiario: Uxía P. Vaello
Música: Borja Fernández
Coreografía: Uxía P. Vaello
Colaborador artístico: Diego Anido

Sala Ártika de Vigo. 12 de marzo de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Entelequias Abismo Caracol

Abismo Caracol estrea ‘Entelequias’ na Coruña

Boas prácticas AGPXC

A AGPXC presenta un ‘manual de boas prácticas’ na xestión de espectáculos ao vivo