in

Larraitz estrea ‘Fábulas da montaña’ en directo e streaming

Fábulas da montaña
Imaxe de Pixelín Photo
Baseado nas Fábulas en verso originales da galega Concepción Arenal, o espectáculo familiar preséntase este venres, 19 de marzo, ás 18.00h, de xeito presencial e telemático desde o Teatro Jofre de Ferrol.
Fábulas da montaña, escrita e dirixida por Inacio Vilariño de Fantoches Baj, recupera para as táboas a figura da escritora e xornalista galega Concepción Arenal, no 201 aniversario do seu nacemento. A estrea terá lugar este venres, 19 de marzo, no Teatro Jofre de Ferrol de xeito presencial (cun 30% do aforo habitual) e tamén en streaming, a través da canle de YouTube do Concello.
A actriz e titiriteira Larraitz Urruzola interpreta a unha das precursoras do feminismo en Galicia, que cos títeres da súa saia-teatriño presenta momentos da mocidade de Arenal e das fábulas que a autora escribiu. A pianista Merran Laginestra acompaña en directo a Larraitz con cancións populares e temas de Marcial de Adalid, compositor galego contemporáneo da escritora.
En Fábulas da montaña, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Cantabria trala morte do seu pai. Alí, na convivencia cos animais da casa, e ante o respecto de lobos e osos, escribe o seu libro Fábulas en verso originales; historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para acadar a igualdade.

Equipo técnico e artístico

Actriz/ titiriteira: Larraitz Urruzola
Pianista: Merran Laginestra
Autor e director: Inacio Vilariño
Deseños títeres e ilustración para decorado: Nuria Díaz
Confección títeres en tea: Marte Martinka
Vestiario actrices: Bety Busto
Escenografía e mecanismos: Luchi Iglesias
Fotos e vídeo: PixelínPhoto
Deseño gráfico: Heitor Real
Iluminación: Miguel Cabaleiro
Residencia técnica: Teatro Jofre do Concello de Ferrol
Apoio á creación escénica 2020 da AGADIC, Xacobeo 21 e Xunta de Galicia
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Irreverencias Anota no que vas

Anota no que vas

DROP de Pistacatro

Pistacatro estrea DROP, unha metáfora da vida con malabares