in

Vertebrata

Vertebrata
Imaxe de Manu Lago

A vértebra no espazo

Eiruga, crisálide, Alejandra Balboa entra no escenario e un corpo nace no seu corpo. Unha forma tira de si. Nimbo de lume, non descansa tampouco na imago transformada. Pluma no aire do animal sacudido, serpe emplumada, continúa, baleirando o seu corpo a medida que nós tamén o completamos, e son as imaxes das mutacións as que aparecen para dicir esta danza xenerosa, esta respiración compartida.

Na súa advocación coma Señor da Danza ou Natarāja, Shiva pisa co seu pé dereito a Apasmāra, o demo da ignorancia. Faino danzando, e coa súa danza prende o ritmo que dá orixe á vida nun xogo fortuíto, azaroso, desinteresado, espontáneo. E talvez ese relato vén para situar primeiro a danza, pois esta é a inversión extraordinaria á que nos leva Alejandra. Ela non semella bailar, senón máis ben nacer do movemento, e a ese novo nacemento convídanos, sacudidas xa da forma atada, pisando o chan para espertalo e espantar os demos que non conciben a dádiva. Ese demo de Apasmāra sería en Vertebrata a man dereita. É aí onde ela sitúa no corpo todo aquilo que quere frear a liberación, ese saber que é máis ben control ca coñecemento. “O que non se pode dominar está no centro”, comenta, e así o lugar onde danza se estende nestes polos. Porén, se o demo morrese, o espazo tamén desaparecería. Inda que ás veces a tensión sexa tal.

Vertebrata abriu as Xornadas ‘Atopémonos Bailando’, organizadas polo Colectivo Glovo e o Concello de Lugo a mediados de abril. Era a segunda vez que presentaba esta peza que naceu en Bélxica, no estudio do coreógrafo Luis Marrafa. “Comezou con el e grazas e el, que soubo ver que eu estaba a romper certos bloqueos, nun momento de explosión e de transformación”, explica. Ese ir ao descoñecido do seu corpo é patente na peza, ese espirse constantemente de si que fai o movemento avanzar. “Luis levoume a arriscar, a buscar ese punto de dificultade, un certo estar incómoda no movemento que me reta”, engade. O seu proceso de creación, a través da improvisación, é tamén significativo. “Non elixín movementos para despois cargalos cunha intención, senón que o movemento que atopo e escollo na improvisación ten que ter xa un sentido”, indica. “Toda elección formal é no fondo unha forma de ser”, dicía Didi-Huberman en relación a Israel Galván, con quen ela quizabes tamén comparte algo das soledades.

Publicidade

“Se eu puidese imaxinarme a min mesmo escribindo, ou incluso concibindo tal obra, estou seguro de que a excitación extrema e a tensión emocional volveríanme tolo”, escribiu Brahms sobre a Chacona en Re menor de Bach, esa obra que obsesiona á bailarina de Vertebrata, que elixiu para a súa danza as variacións electrónicas que dela fixo Omer Eilam. Cervantes, na súa novela La ilustre fregona, fai unha das referencias máis detalladas desa danza, a chacona, probablemente vinda de América e que, dende a Península se popularizou polo resto de Europa no Barroco. Danzada erótica, executada por unha muller soa ou por unha parella, chegou a prohibirse no 1615, por considerar que a súa sensualidade atentaba contra a moral pública, o que lle deu máis publicidade, segundo conta Stefano Russomanno. Concebir un lamento na vitalidade da chacona  era algo talvez só posible para Bach, nesa corda do barroco afinada, tensada, extasiada, entre o pracer e a dor.

Damos voltas sobre este nimbo de lume para non nos queimar, e porque dalgún xeito tamén arden estas tensións en Vertebrata, nese corpo do que até a roupa forma parte, cal muda ou pétala vermella soprada dende dentro para outro corpo aparecer. E aparece, finalmente, aparece. A camisa ábrese e Alejandra pon no espazo o máis interno: a columna, o latexo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Vertebrata, de Alejandra Balboa

Creación e interpretación: Alejandra Balboa
Música: Omer Eilam
Vestiario: Marina Navarro
Apoio en xestión: Manu Lago | Galicia Danza Contemporánea

Xornadas ‘Atopémonos Bailando’, Auditorio Gustavo Freire de Lugo. 16 de abril de 2021.

Nieves Neira Roca

Nieves Neira Roca

Nieves Neira Roca (1983) é xornalista e actualmente escribe unha tese de doutoramento na USC no ámbito da teoría da literatura e crítica literaria. Formouse en artes do corpo e do movemento e é parte da asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, coa que organiza o festival lugués Cartografía en Movemento. Codirixe canda María Grandío a editora Ámboa. É integrante da Fundación Uxío Novoneyra. Dende finais do 2020 forma parte do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Zé Paredes, o presidente de DramaturGA

Unha nova etapa para a Asociación Galega de Dramaturxia

Dramawalker Vite

Composto o equipo de escrita das pezas do ‘Dramawalker Vite’ de Chévere