O público aplaude intensamente. A escena, os aplausos, repítense, si, coma se a potencia dun corpo que danza espertase a nosa, coma se a nosa man tocase o aire coa man de Hugo. Coma se esa ave que formaron entre os dous axitase as ás para mover algo dentro de nós, coma se só o corpo puidese facelo: desenrolar o espazo.
Autor: Nieves Neira Roca
Nieves Neira Roca (1983) é xornalista de profesión, ámbito no que recibiu en 2020 o premio Johan Carballeira, e colaboradora da Fundación Uxío Novoneyra. Posgraduada en Cultura Portuguesa Contemporánea pola Universidade Aberta de Lisboa, con estudos en Estética e Filosofía nesta mesma universidade, actualmente escribe unha tese de doutoramento na USC no ámbito da teoría da literatura e crítica literaria. Formouse en artes do corpo e do movemento e é parte da asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, coa que organiza o festival lugués Cartografía en Movemento. Os seus textos poéticos viron a luz en pequenas edicións que fai manualmente e en diálogo con outras artistas. Ten colaborado en revistas e publicacións con aCentral Folque, Alguén que Respira!, Fundación Bilbao Arte, Macuf, Táboa Redonda, Luzes, Pre-textos (TRCdanza), Tr3s Reinos e, dende finais do 2020, forma parte do consello de redacción da Revista Galega de Teatro | erregueté.