in

Emigrantas

Emigrantas
Imaxe de Henrique Lamas

O corpo de cifras das emigrantas

Son as emigrantas mulleres que deciden o seu destino? Cales son os seus motivos para marchar? Que procesos de acollida, integración e aculturación lles suceden na actualidade? Que significan as estatísticas, as porcentaxes e a abalancha de datos que nos achegan sobre a última emigración? Queremos pensar Galicia interterritorial xuntas. As que estamos fóra e as que permanecemos dentro. As que saímos ou as que retornan.

Estas, e moitas outras, son as preguntas na voz de Branca Novoneyra que abren a peza Emigrantas, que o pasado 30 de abril puido verse no Auditorio Gustavo Freire de Lugo no marco do programa Lugo en Danza (LED), organizado polo Concello de Lugo. No escenario, dúas bailarinas. Esther Latorre, formada en Galicia e retornada ao país logo de comezar a súa carreira en Valencia. David Loira, o mítico bailarín galego agora residente en Berlín. Os dous, e unha escenografía cos 24 quilogramos que poden entrar nunha maleta. “Agora son dez nada máis, cada día é menos o peso permitido”, dicía David o día antes da actuación. “El agora veu de Berlín só con esta mochila”, sinalaba Kirenia Martínez Acosta, directora da peza. Estará cansa ela de que digan ‘bailarina e coreógrafa cubana residente en Galicia’? Que percorridos agochan estas frases coas que rapidamente axustamos unha biografía? Dos cabos que tenden e das sentidos que apreixan trata Emigrantas.

Conta Kirenia que  no escenario non quixo moito máis ca iso: dous bailaríns, e que só cara o final da peza se permitiu algún xogo coa luz. “Non quería seducir”, di. Esa historia, a historia da emigración, precisaba verse tamén dalgún xeito espida, enteira sobre un corpo, sobre dous corpos, sempre singulares no fondo das cifras. Corpos sen máis sostén ca ese longo diálogo excepcional, David e Esther, que sen embargo sosteñen a intensa atención dun público que tamén remata exhauso logo desa hora. Esgotadora a danza que as leva a desfacerse do peso que colocamos nelas, nas emigrantas. Por que resulta tan difícil velas? Semella que o exceso de visión as cegase, que os números, as cifras, as imaxes coas que axiña se lles asocia impedisen a súa visión que por fin sucede.

“No momento de creación da peza eu estaba investigando moito esta cuestión no meu traballo en política municipal. Alucinaba ante a falta de políticas de retorno neste momento de despoboación e envellecemento tan forte. Coas cifras, as estatísticas tratadas sen rigor ou de forma tendenciosa. E tamén ante a falta de actualización do discurso sobre a emigración, que semella que ficou, de forma interesada, no século XIX”, conta Branca Novoneyra. Estas dúas cuestións puxereon en marcha a peza, na necesidade, por unha banda, de traballar coas cifras e, por outra, de elaborar un discurso actual sobre un dos problemas máis graves de Galicia.

Con moi pouco artificio, no escenario logra verse a violencia dos números. Esther, balbucindo co toque do outro. O peito: muller. Os brazos cara diante: fóra. O número que nos define coma mans sen permiso: 47.105 galegas fóra. O número, no corpo ao que o número pertence: 47.105 persoas novas abandonaron Galicia na última década. O número finalmente berrado por ela coma unha lotería. Sen argucias, no escenario, a violencia burocrática. David, en equilibro, de puntiñas, mandarina na culler, culler na boca. Nacionalidade? Cubana. Nacionalidade? Turca. Case sen pronunciar. “Ese equilibrio imposible foi o que sentín eu cando cheguei”, apuntaba Kirenia. Os dous, sen pausa, coa música techno onde bailar o esquecemento, o humor e a ironía.


Publicidade

A rosa en abanico
aberta e sabrosa
abanico da rosa
entreaberta e golosa 

La muerte gira divina
en tu pecho gira la muerte
como un junco que se enfría
toma veneno la muerte 

No espazo do poema vertébrase Emigrantas. Ese corpo plural que tamén é o da galega, o da española, o da brasileira, o das garotas de Ipanema, o da cubana que rapidamente se viste nos ollos do outro con formas de ser, baila o poema Manan as rosas. Branca Novoneyra escribiuno para o proxecto, tamén con Kirenia Martínez, La bailarina española, unha peza sobre La Bella Otero seleccionada para o primeiro Laboratorio de Creación Coreográfica da SGAE en 2019. O título fai referencia a un poema de José Martí moi popular en Cuba sobre a bailarina da Belle Époque, que se serviu da deformación exótica do tópico —a moza de Valga que se presentaba coma flamenca— para abrirse camiños no mundo. David e Esther bailan con ela tamén as multitudes que cada corpo leva consigo nese ritmo abaneado dun poema mestizo que, como conta Branca, bebe do traballo coa lingua e entre linguas da poeta Luz Pichel.

Que suban os que teñen a tentación do NORTE
ao que pertenzemos e quizais
lentamente poderíamos deixar de pertencer,
Nostalxia do que non facemos parte.

Co primeiro verso de Carlos Oroza e resonancias dos puntos cardinais de Eduardo Scala, o terceiro dos textos recitados na peza pecha esa cinta que apreixa, déixaa caer, e xa interior, na memoria, aparece o espazo invisible das emigrantas. Branca Novoneyra escribiuno para David Loira, para Esther Latorre, a partir das conversas que deles escoitou, do pulo que os levou por Trieste e Polonia e Berlín, do que fica, do que marcha, do material autobiográfico co que eles traballaron e que na peza dilúese nunha historia común. “Iso foi o que quixemos, crear unha historia común”, afirma Kirenia Martínez.

O audiotorio Gustavo Freire estaba cheo. Algunhas das mulleres que asistiron á peza eran tamén emigrantas que viven en Lugo, e coas que Kirenia desenvolvera un obradoiro o día anterior no Museo Interactivo da Historia de Lugo a través da Cruz Vermella e do equipo de Sociología de las Migraciones Internacionales ESOMI, que tamén participou na produción de Emigrantas. Con ela tamén estiveron na Fundación Cañada Blanch de Londres, onde actuaron ante fillos de emigrantes galegos. Só así a cinta completa o círculo sen pechar, sen apreixar, saíndo do número.

Emigrantas, Kirenia Danza

Dirección e coreografía: Kirenia Martínez Acosta
Textos e asistencia coreográfica: Branca Novoneyra
En escena: David Loira e Esther Latorre
Vestiario: Jandro Vila
Espazo sonoro: BabyKatze & Bruno Baw
Produción: Lucila Campos
Servizo técnico: RTA (Diego Vilar)
Deseño gráfico: Niko Alvarellos
Fotografía: Bruno Baw

Ciclo Lugo en Danza (LED). Auditorio Gustavo Freire de Lugo. 30 de abril de 2021.

Nieves Neira Roca

Nieves Neira Roca

Nieves Neira Roca (1983) é xornalista e actualmente escribe unha tese de doutoramento na USC no ámbito da teoría da literatura e crítica literaria. Formouse en artes do corpo e do movemento e é parte da asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, coa que organiza o festival lugués Cartografía en Movemento. Codirixe canda María Grandío a editora Ámboa. É integrante da Fundación Uxío Novoneyra. Dende finais do 2020 forma parte do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Othello

Voadora estrea ‘Othello’ no Teatro de La Abadía

Xela Arias

Os versos de Xela Arias regresan a Vigo coa estrea de ‘Vencerse é cousa de se tratar’