Actualidade

Voadora estrea ‘Othello’ no Teatro de La Abadía

Othello
Imaxe de Tamara de la Fuente

PUBLICIDADE

A compañía compostelá, dirixida por Marta Pazos, presentará o seu terceiro Shakespeare no teatro madrileño desde o 15 de maio ao 6 de xuño. A montaxe, coproducida pola Abadía, a MIT de Ribadavia, o Teatro Nacional São João de Porto e Voadora, chegará a Galicia este verán.

Tras A tempestade e O soño dunha noite de verán, Othello será o terceiro Shakespeare na traxectoria de Voadora. A compañía, dirixida por Marta Pazos, regresa ao madrileño Teatro de La Abadía, o cal coproduce a peza xunto á MIT de Ribadavia, o Teatro Nacional São João de Porto e Voadora. Nesta adaptación do clásico asinada polo dramaturgo Fernando Epelde, a compañía compostelá ofrece unha versión transgresora e atravesada pola posverdade e as violencias machistas, sen renunciar á hibridación de linguaxes e á plástica, selo de identidade das montaxes de Pazos.

O espectáculo pretende poñer o foco nos personaxes femininos da traxedia, segundo indican desde Voadora. “Desde a súa estrea, Othello contou con múltiples interpretacións, dando lugar a numerosas percepcións culturais, tanto de raza como de xénero. Desde Voadora queriamos facer unha adaptación que nos permitise pasar tempo no universo das mulleres e abrir un espazo para elas”, di Pazos. A partir do texto, a compañía plantea un debate arredor de cuestións como a contrución do xénero ou a identidade, a percepción individual ou a conformación e estrutura do sistema patriarcal. Para isto, despoxa aos pesonaxes da súa pel e xénero, coa intención de conectar “coa súa esencia máis pura e o seu profundo conflito”.

Marta Pazos propón nesta adaptación do clásico atacar a crueza de Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A directora utiliza a comedia como xenerador do seu discurso. “A comedia é implacable. É o espazo para dicir a verdade máis rotunda”, asegura Pazos. A directora lembra que, na peza, unha muller morre asasinada nunha acotación. “Queremos detener o tempo xusto na liña ‘Non hai tempo, é tarde (Estrangúlaa)’ e volver sobre os pasos da historia para entender como chegamos aí”.

A montaxe de Voadora nace dun lugar periférico, “desde o que investigamos os patróns de conduta machista do texto orixinal”, sinala Pazos. Durante o confinamento de 2020, a compañía realizou unha investigación profunda sobre as violencias machistas, as relacións de poder e a presenza das novas falsas (fake news) na vida cotiá. Ao longo de distintas sesións, Voadora compartiu experiencias tanto con axentes do ámbito da comunicación como de cuestións de xénero: educadoras sociais, traballadoras da liña 016 ou terapeutas, entre outras.

O resultado poderá verse, a partir do 15 de maio e ata o 6 de xuño, nas táboas do Teatro de La Abadía. En Galicia aínda teremos que esperar ata o mes de xullo, cando este Othello de Voadora chegue á MIT de Ribadavia.

Sinopse

Tras casar en segredo con Desdémona -filla do senador de Venecia- Othello, un capitán de gran talento militar, é nomeado rexedor en Chipre. Iago, alférez de Othello, moverá ao seu antollo as inseguridades e os fiumes do seu superior, tecendo con fíos raciais e de xénero unha perigosa arañeira na que logrará atrapar a todos os personaxes da obra.

Ficha artística e técnica

Dirección: Marta Pazos
Texto: William Shakespeare
Versión: Fernando Epelde
Reparto: Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, Mari Paz Sayago, Hugo Torres
Iluminación: Nuno Meira
Espazo escénico: Marta Pazos
Vestiario: Silvia Delagneau
Música orixinal: Hugo Torres
Coreografía: María Cabeza de Vaca
Traballo de palabra: Miguel Cubero
Axudante de dirección: Lucía Díaz-Tejeiro
Asistente de escenografía: Pablo Chaves
Asistencia de produción: Vicente Conde
Jefa de produción: Montse Triola
Produción artística: José Díaz

Una produción Voadora en coprodución co Teatro de La Abadía, MIT Ribadavia, Teatro Nacional São João. Co apoio de Iberescena e AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e da Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos