in

Teatro do Noroeste estrea ‘Gloria Nacional’ en Narón

Gloria Nacional
Imaxe de César Seijas Fernández

O Pazo da Cultura de Narón ofrece dous pases, o venres 14 ás 20.30h e o sábado 15 ás 20h, da última montaxe da veterana compañía. A peza está coproducida por Teatro do Noroeste xunto co Padroado da Cultura naronés. As entradas poden adquirirse na páxina web da institución. 

Teatro do Noroeste presenta esta fin de semana en Narón a súa última peza: Gloria Nacional, unha comedia que reflexiona sobre o mundo da arte e a súa influenza na sociedade e na política. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, Gloria Nacional conta con Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela no elenco.

A cita terá lugar no Pazo da Cultura naronés este vernes 14 de maio ás 20.30 h. e o sábado 15 ás 20.00 h. Ademais, o Padroado de Cultura de Narón coproduce esta comedia que analiza os procesos da creación artística e a súa proxección no espectador, así como a crítica e as intencións do artista coa súa obra.

Sinopse

Uxío Rodas, escultor e pintor duns 60 anos, é considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional”. As súas esculturas están nos mellores museos internacionais e ten sobre as súas costas unha longa e importante carreira de creador honesto e impoñente, con exposición e grandes ventas en todos os países do mundo.

Agora, o atopamos no seu estudio, construído nunha antiga granxa de vacas, apartado da civilización, tentando concentrarse no seu traballo máis importante. Efectivamente, o goberno do seu país, ao través do seu presidente, antigo camarada de Uxío agora convertido en moderado, acaba de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital, remodelada para tal fin.

Pasa, ás veces, polo estudio de Uxío para facer a limpeza do lugar e deixar algo de comida preparada, Carmiña Facal. Carmiña é unha muller duns 65 anos, que vive e viviu sempre na aldea máis próxima ao estudio e que atende a Uxío desde hai moitos anos.  Coñéceo en todas as súas facetas, cando comezou a ter éxito, cando viña soamente por temporadas e cando, pasados os anos practicamente instalouse de seguido no estudio, sen apenas saír del, nin sequera para asistir ás inauguracións das súas exposicións con máis éxito.


Publicidade

Marivel Álvarez-Prieto, a ministra de cultura, é unha universitaria brillante de trinta e moitos anos, elegante e espelida, filla, a súa vez, dun camarada común ao escultor e ao presidente, que compartiron, os tres, as loitas estudantís das súas, xa fai moitas décadas, batallas políticas na universidade.

O encontro das tres mentalidades, a de Uxío, na crise existencial de non retorno, a de Marivel, a xuventude executiva da nova realidade, e a de Carmiña, a sabedoría popular xeran, nesta obra, unha comedia de profundo contido social.

Ficha técnica e artística

Dramaturxia e dirección: Eduardo Alonso
Elenco: Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela
Axudantía de dirección: Inma António
Selección musical: Brais do Mato
Fotografía e audiovisual: César Seijas Fernández
Produción: Eva Alonso
Coprodución: Padroado de Cultura de Narón 

Gloria Nacional Noroeste 3 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cruzamentos

Camiño Escena Norte abre o prazo para presentarse ao programa ‘Cruzamentos’

Othello

Voadora estrea ‘Othello’ no Teatro de La Abadía