in

Unha nova etapa para a Asociación Galega de Dramaturxia

Zé Paredes, o presidente de DramaturGA
Zé Paredes, o novo presidente de DramaturGA

“Queremos, sobre todo, afirmarnos como interlocutores dentro do sector. Sabemos que o noso oficio ten moitas vertentes e queremos buscar o debido recoñecemento a todas elas”, expresa Zé Paredes, o novo presidente de DramaturGA.

DramaturGA, a Asociación Galega de Dramaturxia, escolleu en asemblea o pasado 30 de marzo a súa nova xunta directiva. Nela, Zé Paredes é o novo presidente, mentres que Noelia Toledano asumiu a tesourería e Julio Fer accedeu á secretaría. Ana Abad de Larriva e Ernesto Is completaron a xunta directiva como vogais.

Entre as súas múltiples actividades, DramaturGA é a impulsora do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se celebra cada ano en colaboración coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, con gran éxito de público, e que en 2021 chega xa á súa quinta edición. Ademais, DramaturGA colaborou recentemente co Centro Dramático Galego (CDG) para promover a creación dunha bolsa de dramaturxia, que deu como resultado a convocatoria que vén de sacar a AGADIC para a selección de proxectos para a contratación e creación dunha dramaturxia que será empregada nunha coprodución do CDG.

Actualmente DramaturGA está tamén a organizar unha actividade coa MIT de Ribadavia, DraMITurga, a partir dunha iniciativa do dramaturgo portugués Ricardo Cabaça secundada por Afonso Becerra, e que contará tamén coa participación do CDG. Nela van participar 6 dramaturgas/os, 3 de Portugal e 3 de Galicia, que farán un interesante traballo de escrita e rescrita que dará como resultado 36 pezas breves.

Alén diso, DramaturGA editou o ano pasado, en colaboración con Ediciones Invasoras, DramaturGA 20: 11 textos breves. O volume, coordinado por Julio Fernández e Franciso Oti Ríos, contén textos de Ana Abad de Larriva, Afonso Becerra de Becerreá, Raquel Castro, Esther F. Carrodeguas, Julio Fernández, Fran Godón, Ernesto Is, Carlos Labraña, Francisco Oti Ríos, Noelia Toledano e Roi Vidal Ponte e constitúe unha escolma da máis recente literatura dramática contemporánea galega.

Balance destes anos e novos obxectivos

Zé Paredes fai para a erregueté | Revista Galega de Teatro un balance do papel que xogou a Asociación Galega de Dramaturxia dende as súas orixes, no ano 2015, e sinala os próximos obxectivos da asociación:

“Moi pouco cambiou dende que se botou a andar esta asociación profesional, pero se algo cambiou, estamos seguras de que fomos partícipes dese cambio. Por iso somos unha asociación necesaria; non só para as dramaturgas senón para o conxunto da escena.

Moi pouco cambiou pero volveu a editarse teatro en galego con algunha frecuencia, por máis dunha editora, Galaxia, Positivas, Kalandraka, Invasoras…, e creouse unha bolsa de creación dramatúrxica que está agora en proceso de selección.

Moi pouco mudou pero o CDG volveu a levar á escena autoras galegas vivas.


Publicidade

Moi pouco mudou, pero dous dos festivais de maior relevancia do país apoian actividades relacionadas coa dramaturxia.

Moi pouco mudou pero estamos seguras de ser unha ferramenta útil dentro do noso sistema teatral en construción.

E como moi pouco mudou, os nosos obxectivos son basicamente os mesmos de cando comezamos, e que se expoñen nos nosos estatutos”.

Deles, Paredes recolle os seguintes: “Ser representativa dos intereses dos dramaturgos e dramaturgas en lingua galega dentro do eido das artes escénicas; fomentar a dramaturxia en galego dentro e fóra de Galicia; mellorar as condicións laborais das e dos profesionais do sector e garantir que no ámbito da dramaturxia galega, a igualdade entre homes e mulleres sexa real e efectiva, impedindo calquera situación de discriminación profesional”.

Ademais de dar continuidade aos proxectos iniciados coa anterior xunta directiva, polo de agora o obxectivo principal que teñen é darlle un novo impulso á asociación: renovar os medios, como, por exemplo, a páxina web, e retomar relacións institucionais; “queremos, sobre todo, afirmarnos como interlocutores dentro do sector. Sabemos que o noso oficio ten moitas vertentes e queremos buscar o debido recoñecemento a todas elas”, explica o dramaturgo.

Así, outros obxectivos vinculados serían: promover a posta en escena de obras teatrais en galego; promover a dramaturxia como oficio necesario dentro dunha produción, pois a dramaturxia non sempre coincide coa autoría, e é en si unha das varias autorías dun espectáculo teatral, como a posta en escena ou a escenografía; promover cursos e foros de discusión e experimentación en dramaturxia; promover a creación de bolsas de creación en dramaturxia; promover a publicación de obras teatrais en galego, así como a tradución de obras do repertorio universal aínda ausentes na nosa literatura dramática; fomentar a creación de espazos de discusión teórica e publicación na rede do material xerado; promover a mellora da dotación dos premios de literatura dramática xa existentes e creación de novos”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Diana Mera

Diana Mera: “Soga e Cinsa emerxeu dunha ferida moi grande que estaba por sandar”

Vertebrata

Vertebrata