in ,

A AGADIC lanza as axudas á creación 2021 e impulsa unha bolsa de dramaturxia co CDG

AGADIC CDG
Imaxe de Afonso Becerra

A Xunta abriu esta semana o prazo dun mes para solicitar as axudas á creación escénica, para as que se mantén un orzamento de 800.000 euros. Ademais, convoca unha selección de proxectos para a contratación e creación dunha dramaturxia que será empregada nunha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG).

Esta semana, coincidindo cos actos de celebración do Día Mundial do Teatro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, e os seus órganos depentes, AGADIC e Centro Dramático Galego (CDG), abriu o prazo para que as compañías de artes escénicas soliciten as axudas á creación deste ano, así como unha convocatoria para a recepción de proxectos de escrita dramática coa fin de desenvolver unha dramaturxia que será coproducida polo teatro público.

Axudas á creación escénica

A convocatoria vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo en Galicia. As bases continúan a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención.

Publicidade

Así, a Modalidade 1 inclúe os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Na Modalidade 2, para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.

Pola súa banda, á danza e artes do movemento, integradas na Modalidade 3, destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.

As axudas inclúen unha Modalidade 4 para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.

Criterios de valoración

Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.

O obxectivo desta liña de apoio é favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas e incrementar o público, así como consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos.

Bases axudas á creación escénica

AGADIC
Fran Núñez, director do CDG, na presentación da bolsa de dramaturxia e creación | Imaxe de Afonso Becerra

Bolsa de dramaturxia e creación

Con este procedemento preténdese darlle impulso á promoción da dramaturxia galega contemporánea, mediante a convocatoria a todo o sector para que presente proxectos de escrita dramática, co compromiso de formalizar, coa entidade/profesional seleccionada pola comisión técnica profesional que se constituirá para este efecto, os correspondentes contratos de creación dramatúrxica do proxecto seleccionado.

A esta primeira convocatoria, dotada con 4.000 euros, seguiralle unha segunda, dotada con 12.000 euros, para levar a cabo este ano, en réxime de coprodución co CDG, un espectáculo teatral a partir da dramaturxia elaborada polo presente procedemento.

Publicidade

Poderán presentar os seus proxectos as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia. Quedan excluídas as asociacións e as restantes entidades sen fins de lucro.

Xunto coa solicitude, deberá achegarse, no prazo de 20 días naturais, unha memoria explicativa do proxecto que conteña unha sinopse/proposta do texto (máximo 10.000 caracteres, espazos incluídos), a traxectoria das persoas ou do colectivo que participe na escrita e unha carta de motivación.

Bases bolsa de dramaturxia e creación

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Janet Novás e Mercedes Peón

Janet Novás nomeada bailarina destacada do 2020 polos Premis de la Crítica d’Arts Escèniques de Catalunya

Certame Coreográfico Compostela

Aberta a convocatoria para o Certame Coreográfico Compostela