O Día Internacional da Danza foi creado polo Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI), o socio principal da UNESCO para as artes escénicas. Desde a súa creación en 1982, o Comité da Danza e o Instituto Internacional do Teatro (ITI), seleccionan cada ano a unha personalidade destacada da danza para que escriba unha mensaxe en conmemoración do Día Internacional da Danza. Este ano, o alemán Friedemann Vogel, bailarín principal do Ballet de Stuttgart, é o encargado de asinar a mensaxe.
Mensaxe do Día Internacional da Danza 2021
Todo comeza co movemento, ese instinto que temos todos, e a danza é movemento refinado para comunicar. Por máis que a precisión técnica sexa importante e impresionante, en última instancia, o que o bailarín expresa co movemento é a esencia.
Como bailaríns, estamos en constante movemento, aspirando a crear momentos inesquecibles. Independentemente do xénero de danza, é iso o que todo bailarín se esforza por acadar. Por iso cando de súpeto non se nos permite bailar, cos teatros e escenarios pechados e os festivais cancelados, o noso mundo paralízase. Sen contacto físico. Sen máis espectáculos. Sen público. Nunca na historia recente a comunidade da danza fora desafiada de maneira tan colectiva a manterse motivada, a atopar a nosa razón de ser.
Con todo, é precisamente cando algo se nos quita, que realmente valoramos canto de vital é o que facemos e canto significa a danza para a sociedade en xeral. Aos bailaríns adóitasenos celebrar pola nosa destreza física, cando de feito a nosa forza mental sostennos aínda máis. Creo que é esta combinación única de axilidade física e psicolóxica a que nos axudará a superarnos, a reinventarnos para seguir bailando e para seguir inspirando.
FRIEDEMANN VOGEL, bailarín de Ballet
[ Tradución ao galego de Sabela Mendoza]