in ,

Galaxia inaugura a súa colección de teatro cunha peza de Fernando Castro Paredes

Fernando Castro Paredes
Imaxe de Farándula Velutina

Papiroflexia inicia unha colección que busca converterse nunha importante canteira e espazo destacado para as dramaturgas e dramaturgos contemporáneos de Galicia.

A nova colección Teatro, que chega estes días ás librarías, recolle, segundo indican desde a editorial, o espírito de Galaxia nos seus inicios: ser fogar dos grandes dramaturgos do momento. No pasado foino de autores como Castelao, Daniel Cortezón ou Euloxio Ruibal, e agora é Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, Asturias, 1975) o que dá comezo a esta colección. Formado nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral (CELCIT) e curtido no teatro escolar e afeccionado, é tamén codirector da agrupación Tuéjele Teatro e Farándula Velutina.

Baixo esta última compañía estreouse a obra Papiroflexia, primeiro título publicado en Teatro. Nela, a través de tres historias cruzadas e tres figuriñas de papel pregado que cambiarán a vida dos protagonistas, descubrimos o importante máis alá das aparencias: os medos, os soños e o amor.   

Papiroflexia continúa a obra dramática de Castro Paredes –que xa publicara A derradeira bala (Premio Roberto Vidal Bolaño 2018) na Editorial Galaxia–, dentro desta colección que dará protagonismo específico ao xénero. Proximamente, Cándido Pazó sumarase á serie con Os fillos do sol.

Teatro é a última colección que Galaxia vén de estrear este ano, despois de Memoria HistóricaHoxeéhoxe, coas que a editorial pretende encher espazos esenciais e enriquecer o panorama cultural e literario de Galicia: a primeira en termos de xustiza histórica tras a época da ditadura franquista e a segunda ofrecendo un lugar destacado para o ensaio de actualidade. Teatro quere ser un referente dentro do xénero dramático contemporáneo galego.


Publicidade

Papiroflexia Fernando Castro Paredes |Papiroflexia

Tres historias cruzadas que suceden no banco dun parque. Que teñen en común unha anciá con medo a voar que precisa compaña, un cabaleiro e unha señora que atopan un home deitado no chan e unha moza suicida que aínda dubida sobre o seu destino? A papiroflexia: tres figuriñas de papel pregado cambiarán as súas vidas.

Fernando Castro Paredes utiliza o absurdo para poñer de relevo o que é verdadeiramente importante máis alá das aparencias. Medos, soños, o amor. Porque as cousas non son o que parecen.

Fernando Castro Paredes

Nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce como profesor de ensino secundario no IES Fernando Blanco de Cee. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do Grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía); do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias na Universidade) e das pezas teatrais Pallaso (Premio Varela Buxán de Textos Teatrais), No ventre da balea (accésit do Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle), Ofelia ou o cabeiro da cóbrega (gañadora do II Certame Nova Dramaturxia Galega Actual) e Amorodo agre (Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais 2019).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Por favor ténteo novamente máis tarde

Por favor, ténteo novamente máis tarde

Sementes

Que ben que podemos volver ao teatro!