in

Que ben que podemos volver ao teatro!

Sementes
Imaxe de Luís Aniceto

Que ben que podemos volver ao teatro!, dicía unha nena que gardaba cola antes de entrar no Teatro-Estúdio António Assunção, xestionado por Teatro Extremo, organizador do Festival Sementes na cidade obreira de Almada.

Que ben que a erregueté | Revista Galega de Teatro puido volver ao Sementes despois dun 2020 devastador, que adiou ou suspendeu encontros que se producían habitualmente ao longo da nai Terra. Se nos deixásemos levar polo temor á pandemia, este ano botariamos de menos ao Sementes e todas as experiencias que vivimos co grupo humano e artístico do que está composto este marabilloso festival.

Os cronistas soemos informar sobre os espectáculos e as actividades dos festivais aos que asistimos, mais poucas veces nos detemos a falar das experiencias vividas nas outras horas, nas horas da relación, de establecer contactos, vínculos.

O xantar. Despois do xantar. As conversas cos artistas sobre os espectáculos, sobre a súa forma de entender o teatro, sobre a familia, as preocupacións. A sesta no Jardim do Rio, as andainas e conversas co director Rui Cerveira polo Ginjal, o deterioro dos edificios na marxe industrial, que nos amosa a vida que algún día tivo a cidade e nos achega a coñecer a súa historia. A cea. Despois da cea. A baixada aos apartamentos de Cacilhas entre risos en varios idiomas ou a penúltima do grupo en conversa distendida antes de entrar nos apousentos, que xa son as 11 e van pechar. As últimas charlas no cuarto sobre o soño de Iberia de Saramago e a ligazón político-cultural galaico portuguesa. É tan grande a amabilidade, o cariño, o carácter facilitador, o mimo e coidado que a organización de Sementes ofrece ao conxunto dos convidados, que non podemos facer outra cousa máis que felicitalos, agradecer e aprender da súa calidade humana e organizativa.

Anos atípicos

Estamos a vivir dous anos atípicos con graves consecuencias para o teatro, comenta o director Rui Cerveira. O Festival Sementes non se salvou da queima do virus e tivo que adiar o ano pasado a 25 edición, do mes de maio-xuño ao mes de xullo-agosto, reducir os espazos de exhibición a un só ao ar libre e tamén a duración, de tres fins de semana a dous, sen poder celebrar o 1 de xuño o día da crianza, como viña sendo habitual no espléndido Parque da Paz. Estas dificultades repercutiron sobre todo nas compañías internacionais, que non puideron viaxar pola redución de espectáculos e o peche de fronteiras. Tendo en conta todos estes atrancos, a organización programou para a actual edición todas as compañías que non puideron asistir na edición anterior. Aínda así, compañías de Brasil e Canadá tiveron que ser cambiadas a última hora por distintas causas debido á pandemia. A dirección do Sementes subtitula, cun certo grao de humor, esta 26 edición como a 25b, cunha programación de luxo.

O festival

A 26 edición do Festival Sementes-Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público, transcorreu entre os días 21 de maio e 6 de xuño de 2021 en Almada, con extensións aos municipios de Loures, Moita, Montemor-o-Novo, Odivelas, Seixal e Sesimbra. Participaron 16 compañías de Portugal, España, Brasil, Bélxica e Italia que exhibiron espectáculos de teatro, música, danza, circo, clown, ópera, marionetas, sombras dixitais, xogos interactivos, cinema de animación e ilustración ao vivo, nun total de 53 actividades. A erregueté | Revista Galega de Teatro estivo convidada entre os días 28 de maio e 2 de xuño.

Nesta edición estableceron unha parcería co CMA para a conmemoración do Día Internacional dos Museos, levando as artes escénicas ao patrimonio museolóxico da cidade na primeira fin de semana.

Igualmente, conseguiron a axuda da Embaixada de España en Portugal, que deu un apoio para traer as compañías españolas. De algún xeito é unha confirmación da importancia do festival e do traballo que facemos en promover o intercambio de culturas e poder ver compañías de outros países, comenta Cerveira.

BICHOS 3 |
Imaxe de Luís Aniceto

Os espectáculos

O público asistiría de igual xeito que antes da pandemia? Esa era unha das preocupacións da organización que, tras facer unha avaliación, comprobou que moitos espectáculos remataron con billetes esgotados e co público levantado en aplausos, polo que quedaron contentos coa asistencia e satisfacción dos asistentes, mais perciben tamén que hai persoas que aínda tiveron algún receo por vir.

Bichos. Companhia Certa. Portugal.

Esta compañía portuguesa con sede en Póvoa de Varzim é un brazo da Varazim Teatro, Associação Cultural, que leva traballando desde 1997 e trata temáticas de intervención social para un público infanto-xuvenil.

Para celebrar o 25 aniversario da morte do escritor portugués de Trás-os-Montes Miguel Torga, a compañía estrea o espectáculo Bichos con dous contos, Vicente e Miura, extraídos do libro homónimo do autor, mais tamén ten unha curta escena final. Ese final engadido, cheo de ritualidade, extráese da Bumba meu boi, unha festa interdisciplinar que se celebra no mes de xuño en todo o Nordés do Brasil. A ritualidade tamén aparece na transición entre escenas, mentres se vai preparando a area taurina, a tempo lento e moi teatral.

Nestes dous contos existe unha simbiose de elementos auga-terra, na que se desenvolven historias entre animais e humanos que loitan pola vida e a liberdade, Vicente, ou furgan no sufrimento antes do sacrificio e a morte, Miura. Toda esa ritualidade, a mirada ao Brasil, tan de seu, e a utilización da simboloxía é de José Caldas, que asina a dramaturxia e a dirección do espectáculo. Para as pasaxes corais e ambientais, a creación musical é de Paulo Lemos.

BICHOS 43 |
Imaxe de Luís Aniceto

Los viajes de Bowa. La gata japonesa. España.

Quedamos sorprendidos co espectáculo de circo que representou a madrileña Elena Vives, nos xardíns do Museo de Almada-Casa da Cidade. A artista actuou con gags humorísticos que se foron intercalando con números de acrobacias nas cintas, pasando pola maxia e facendo equilibrios polos bicos das botellas. Demostrou dominar diferentes disciplinas circenses con moi bo facer. Foi preciosa tamén a chegada do atardecer, dando o relevo á luz tenue das lámpadas, que despedían amarelos cálidos, e acentuaban o ton poético do espectáculo.


Publicidade

LOS VIAJES DE BOWA 28 |
Imaxe de Luís Aniceto

En busca del fuego. Arawake. España.

Arawake é unha compañía burgalesa con persoas formadas en distintas disciplinas artísticas que investigan na innovación, con tecnoloxías tan espectaculares como a Realidade Inventada ou a Xeolocalización aplicada ás Artes Escénicas.

Quedamos tamén fascinados pola singularidade deste espectáculo de sombras-musical. Por unha banda, utilizan tecnoloxía con proxeccións e cámaras, pero pola outra as siluetas manéxanas coas propias mans, de xeito artesanal. O espectáculo mostraba dous mundos diferentes, o arcaico, cos nosos antergos buscando o lume, e o presente-futuro próximo, con naves espaciais alertando dun posible catastrófico final. Outro elemento fundamental é o músico Silberius de Ura, que asina a banda sonora e interpreta, no espectáculo, unha música moi de raíz, da terra, mais utilizando a tecnoloxía. O espectáculo presenta unha curiosa oposición entre elementos, ofrecendo un bo resultado en todo o seu conxunto.

Tres clowns

Kontrol. Compagnie Krak. Bélxica.

Dieter Raphaël Missiaen é un pallaso belga que traballa números sinxelos, sen palabras, con obxectos e o seu corpo como forma expresiva. Un pallaso tenro, amoroso, que lle gusta enredar e solucionar os atrancos con enxeño e sempre cun sorriso. Constrúe para os máis pequenos un espectáculo divertido e poético. Moi emotivo foi o momento despois do espectáculo, cando as crianzas se achegaron a el, agasallándoo con flores silvestres do propio parque.

KONTROL 33 |
Imaxe de Luís Aniceto

In. Compañía Es Circ. España.

Emiliano Alessi é un pallaso xestual e malabarista cómico, que neste espectáculo traballa a idea de dentro-fóra e utiliza ao público nos seus gags. Amosa esa parte tenra do pallaso anterior, mais tamén ten unha parte inherente de bufón.

Abbracci. Teatro Telaio. Italia.

Esta parella formada por Michele Beltrami e Paola Cannizzaro propoñen a idea do abrazo como forma de compartir afectos, emocións e mostrar o lado humano dese xesto tan sinxelo e, ás veces, tan difícil. Tecnicamente foron precisos na partitura mímica e, ás veces, lembraban a Charles Chaplin na forma de camiñar.

A LA FRESCA A17 |
Imaxe de Luís Aniceto

Queremos subliñar, aínda que non estivésemos con eles, a presenza de Tanxarina Títeres, co espectáculo As bombas e o Xeneral, baixo a dirección de Cándido Pazó, que actuaron os días 5 e 6 de xuño, sendo unha compañía habitual nos festivais portugueses.

Rematamos esta breve referencia aos espectáculos sen esquecer que as normas sanitarias excluíron a participación do público en moitos deles, polo que os artistas tiveron que adaptarse á situación.

Como actividade paralela indicamos a exposición de artes plásticas Fabulásticas, dedicada aos animais e realizada polas crianzas, en parcería co agrupamento de escolas Anselmo de Andrade, pertencentes ao concello de Almada, que ao longo do ano elaboraron unha exposición para ser presentada no festival. Os obxectivos son fomentar a lectura e as artes plásticas.

A FABULA DO ESQUILO 8 |
Imaxe de Luís Aniceto

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fernando Castro Paredes

Galaxia inaugura a súa colección de teatro cunha peza de Fernando Castro Paredes

Teorema

Teorema