O teatro sempre foi o lugar da mirada. E a mirada non se produce só nos ollos, senón no cerebro, en sinapse coa experiencia vital, a cultura, os sentimentos de cada persoa. O que nos entra polos ollos e polos ouvidos, e tamén polo resto dos sentidos, é contemplado e procesado á luz da nosa biografía: os nosos corpos, os contextos socioculturais nos que nos movemos, o noso xénero, a nosa sexualidade, as nosas atraccións, filias e fobias, a experiencia de sermos aceptades ou non aceptades, de sermos querides ou rexeitades…
Por unha banda, os escenarios non só son espello no que se reflicte a realidade, senón que tamén crean e interveñen na propia realidade. Por outra banda, iso que denominamos “realidade”, igual que a historia, está intervida e manipulada, regulamentada e condicionada polo ditado, nunhas épocas explícito e obrigado, e noutras, coma nesta, implícito, do patriarcado. Presuponse que todos, así con “o”, en masculino aglutinador e avasalador, somos heterosexuais, igual que se presupoñen outras cousas que, por irrelevantes que poidan parecer, afectan ás nosas vidas.
Pregúntome? É posible que unha persoa poida non sentirse identificada con ningún dos dous xéneros nos que se nos clasifica desde que nacemos: home / muller?
Pregúntome? É posible que as artes escénicas non traballen conxugando, facendo e desfacendo identidades?
Pregúntome? É posible que as artes escénicas non se xeren desde os afectos e a imaxe que temos do mundo?
De ser si a resposta, entón, quizais vai sendo hora de comezar a prestar atención, difusión e análise a esoutras sensibilidades, afectos e imaxes do mundo, que non coinciden coa norma implícita e presuposta do heteropatriarcado hexemónico.
Quizais vai sendo hora de decatarnos de que as estéticas teatrais en Galiza (acontece o mesmo coas series de ficción televisiva etc.) son, maioritariamente, conservadoras e seguen os ditados, a moitos niveis, da norma implícita do heteropatriarcado. Os escenarios seguen a afirmar, e moi poucas veces a cuestionar, os roles de xénero e a hexemonía do masculino e do heterosexual.
A revolución feminista é a máis importante dos últimos tempos, porque vén pedir xustiza respecto a unha lacra histórica de desigualdade, de abuso sobre a muller e sobre o home que non cumpra cos parámetros da virilidade, desafiándoo e ameazándoo por comportarse ou ser feminino, etc.
Moites artistes crearon pezas de danza, teatro, circo, performance… que puxeron e poñen en cuestión esa imaxe do mundo bipolarizada, na que o masculino pesa e vale máis ca o feminino. Non obstante, poucas desas pezas acaban por difundirse debidamente. Artistes cunha actitude e unha estética queer ou cuir, que nos permiten repensar os compartimentos estancos que nos limitan e que, incluso, poden acabar por ser perigosos, como se demostra non só nos actos vandálicos contra obxectos e símbolos LGTBIQ+, senón tamén nas agresións machistas e homófobas que están á orde do día (homes que se cren donos de mulleres e as matan, homes que insultan ou agriden a persoas que non visten ou se comportan conforme ao xénero, ou que van da man con persoas do seu mesmo sexo, etc.). A poucas horas de avión, podemos incluso estar en países nos que a homosexualidade e a transexualidade están prohibidas até con penas de morte e nos que as mulleres non contan.
Estamos no século XXI, no ano 21, pero ás cabezas e ás miradas parece que lles custa evolucionar. A ciencia avanza, porén, semella que as mentalidades non tanto. As artes escénicas deberían ser un espazo de liberdade, de avance, de debate…
Na erregueté I Revista Galega de Teatro non só nos declaramos abertamente feministas, senón que tamén queremos abrir un espazo especial para apoiar, visibilizar e analizar as miradas e as sensibilidades lésbicas, gais, transexuais, intersexuais, queer (LGTBIQ+) desde as artes escénicas. Así pois, velaquí unha nova xanela para os ESCENARIOS / PALCOS LGTBIQ+ da nosa contorna. Para que esas propostas, esas miradas, esas voces, deixen de estar nas marxes, para que a súa luz nos alcance e xuntes camiñemos cara a un mundo máis xusto e respectuoso coa diversidade.
Feliz Día do Orgullo LGTBIQ+