in

Reencontro Celso Parada

Misterio Cómico con Celso Parada

Cúmprese hoxe, 3 de Agosto de 2021, o segundo cabodano de Celso Parada, actor, director e produtor que abriu camiños cara á consolidación e dignificación da profesión teatral. A súa compañía Teatro do Morcego contou sempre con elencos amplos e variados, dirixidos  por el ou por directores convidados, algúns deles chegados doutras latitudes.  Do traballo ben feito dan fe as innumerables representacións que tiveron lugar no país e máis alá das nosas fronteiras, sendo unha compañía de éxito que nos ofreceu un abano de propostas artísticas que xa forman parte da historia do teatro galego.

Mais alén diso Sito, como era  coñecido familiarmente, foi un home de encontros, de brazos abertos á amizade, á solidariedade e á fraternidade, valores que inspiraron o Encontro que vimos de celebrar o pasado 11 de xullo no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña, con motivo do 30º aniversario da estrea do Misterio Cómico de Dario Fo, dirixida por Júlio Cardoso. Foi o noso encontro co Celso actor e amigo nun acto emotivo no que puidemos ver a función gravada un 12 de xullo de hai tres décadas nesa mesma sala. Alí estivemos familiares, amizades, xentes do teatro e da cultura, algunhas vindas de outros lugares como Narón, Carballo, Carballiño…

Moitas das persoas asistentes estiveramos xa na estrea e puidemos recoñecer o vestiario que tres actores-morcegos pousaron sobre perchas lembrando a imaxe do artista. Isabel Dávila, deunos a benvida: “Xa sabemos como afrontaba a vida, como abordaba os seus proxectos, polo simple gozo de facelo. Nós, recollendo un pouco dese espírito, organizamos tamén este encontro ou reencontro polo goce de atopármonos, polo goce de celebrar”.

A voz fonda e envolvente de Sito ocupando a sala, dicindo en italiano o Poema “Verrà la morte” de Cesare Pavese, chegounos de xeito inesperado para perturbarnos e  atraparnos , dando entrada á función gravada. Puidemos entón contemplar a paixón e a arte deste actor cuxo vigor traspasou a pantalla, agasallándonos coa ilusión de estar asistindo en directo a unha representación intemporal e clásica, volvendo a asombrarnos coma a primeira vez que vimos ao xograr representando “O primeiro milagre do meniño Xesús” e  “O papa Bonifacio VII”, sátira e irreverencia provocadoras de risos que se confundiron e mesturaron cos de hai 30 anos, facéndonos crer que estabamos nunha máis de tantas representación do Misterio. E estabamos porque así o percibimos.


Publicidade

Os aplausos e o silencio final foron o grande abrazo que compartimos o público asistente. Mais a emoción prolongouse coa intervención de Júlio Cardoso dando conta da preparación de Sito para abordar o monólogo expresada “em toda aquela gramática gestual, aquele movimento corporal” que evoca no director a imaxe dun comediante medieval que enchía completamente a escena e que non procuraba a gargallada inútil porque o que importaba era que as persoas do público “saíssem melhor que quando entraram”. Un emocionado Cardoso dicía que “além do Celso Parada ser un grande ator ele foi fundamentalmente um grande difusor e um grande pioneiro do novo teatro da Galiza. Mas ele era fundamentalmente um homem bom. Por tanto, hoje é um dia de alegria, é um dia que estivemos a conviver com um homem bom”. Con esa mensaxe ocupamos o patio do Centro Cultural onde compartimos lembranzas,  conversas e brinde, como fariamos calquera día de calquera ano, ao remate dunha representación do Teatro do Morcego.

Nesa praza pública Tatán tomou a palabra e anunciou a boa nova: a sala pasaría a chamarse  Sala Celso Parada grazas a unha iniciativa de xentes que recoñecen o vínculo de Sito con ese lugar onde tantas veces ensaiou, estreou ou colaborou na organización de actividades e circuítos teatrais. O lugar meréceo e el merece ese lugar.

Rosa E. Gantes

Rosa E. Gantes

Naceu en São Paulo (Brasil) e está afincada en Galicia desde 1970. A súa relación co teatro amador arrincaba na década dos 80 dirixindo o Grupo de Teatro Xuvenil de Arbo co que presenta o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño. Desde entón ten dinamizado grupos de teatro amadores tanto infantís como xuvenís e de adultos ligados a asociacións veciñais e culturais, entre os que destaca polo seu longo percorrido o Teatro Simalveira, da aldea de Meiro en Bueu.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2332 |

Multitarefa

soncc83ovoadora1 |

Os formatos teatrais de Voadora