in

Misterio cómico

celsoparada |

O desacato do xograr

| Manuel Xestoso |

celsoparada

 

En 1969, cando foi escrita, esta obra tiña, sen dúbida, outro significado. Tamén o espazo xoga as súas cartas: en Italia, a omnipresencia da Igrexa en todos os campos da vida social –incluída a política– propiciaba unha lectura en clave de actualidade que talvez hoxe non somos quen de recoñecer. Teatro do Morcego xa a puxo en escena hai vintecinco anos e tamén o sentido era outro, máis apegado a unha sociedade que acababa de saír dun réxime que impuña o clericalismo e a confesionalidade como sinal de identidade.

Non obstante, a peza segue tendo vixencia en canto que apunta a unha representación dun poder silencioso e ubicuo que non cesa de intervir en pequenos e grandes acontecementos que afectan a vida de todos. (E, dito sexa de pasada, quizais existen signos que indican que a nostalxia por aqueles tempos de catolicismo obrigatorio está máis presente do que imaxinabamos hai non moito tempo). Por outra banda, as chiscadelas á actualidade –como presentar ao neno Xesús coma un inmigrante que fai milagres para se integrar– non deixan dúbidas sobre a pertinencia desta función.

Celso Parada enfróntase ao texto como hai un cuarto de século, talvez como Darío Fo desexaría que se represente a súa obra: sen decorado, sen apenas vestiario nin maquillaxe. Son a voz e o xesto os que traballan para representar unha manchea de personaxes que parodian episodios bíblicos e da vida dos papas. O relativo ao papa Bonifacio é a verdadeira pièce de resistánce da montaxe, a que resume a protesta pola arbitrariedade e o sadismo con que se exerce o poder, a revolta ante a iniquidade dunhas ambicións persoais que se disfrazan de principios éticos e morais.

Igual que a primeira vez, Parada ataca sen darlle descanso ao espectador, apurando o texto, tratando de que toda a función reborde intensidade. Quizais unha maior modulación axudaría a que o público captase con máis amplitude todas as connotacións do discurso e, ao mesmo tempo, permitiríalle a el mesmo repousar un pouco da velocidade que a obra, co seu propio ritmo interno, imprime.


Publicidade

Pérdese, nestes tempos, a buscada irreverencia con que se tratan os episodios da Historia Sagrada pero, a cambio, obtense unha intención de crítica social que recupera o oficio de xograr: o humor directo, burlesco, insolente e, por veces, obsceno. A esaxeración e a procacidade forman parte desa estratexia de ridiculizar a crueldade e a idiotez propias da lóxica do poder. Recóbrase así a tradición popular de reprobación dos poderosos, adubada con incursións na commedia dell’arte que redundan nun ton entre festivo e melancólico que contempla as inxustizas cunha distancia traxicómica.

En certo sentido, hai aquí unha vindicación da cultura popular que reacciona ante os requintamentos da cultura erudita, da que posúen os que tamén manexan as rendas do poder. Unha cultura sempiternamente marxinada pero permanentemente rescatada polo enxeño dos pobos. Nas marxes, ás agachadas, nos territorios liberados da imaxinación e da festa. Ese acto de desacato é o que segue dotando de frescura a montaxe de Teatro do Morcego e a que conecta directamente cun público que ambiciona ver na escena o retrato dunha realidade que lle concirne e cuxos mecanismos precisa coñecer.

 

 

Misterio cómico de Darío Fo
Compañía: Teatro do Morcego
Dirección: Julio Cardoso
Elenco: Celso Parada

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

atlas de geografia humana |

Atlas de geografía humana

cena con amigos |

Cena con amigos