Este venres, sexta-feira, 27 de agosto de 2021, o Centro Dramático Galego (CDG), en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga (CTB), van representar en Caldelas, Tui, á beira do Miño, A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso da pesca no río Miño, de Gabriel Feixóo de Araúxo.
Cando se celebran os 350 anos da que se considera a primeira peza teatral galega, nun acto cargado de simbolismo, o CDG e a CTB lévana ao lugar de orixe da ficción.
A contenda dos labradores de Caldelas adscrita ao xénero do entremés, segundo o acoutamento inicial, é, non obstante, no propio texto orixinal, algo máis ca un entremés, porque se afasta en varios aspectos das convencións propias dese xénero, considerado menor, como son a complexidade e variedade métrica, o asunto de carácter histórico, nun contexto xeográfico que xustifica e lle dá autenticidade á acción dramática. Alén diso, a caracterización dos personaxes non fica na caricatura senón que está dotada de matices e, ademais, hai unha gradación do efecto cómico e contrastes dramáticos.
O espectáculo do CDG e da CTB, dirixido por Fran Núñez, actualiza o asunto nun xogo meta-teatral de estética contemporánea.
Esta sexta-feira, venres 27 de agosto, ás 22h. vai facerse a representación ao aire libre, na Ribeira de Caldelas, Tui.
As entradas pódense reservar de balde a través da web Tui.gal