O videodanza da cía. Tuatha, Ilomilo, é seleccionado no festival Quinzena de Dança de Almada.
Tuatha é unha compañía de danza emerxente situada na Coruña. Provén das danzas urbanas e evoluciona cara á creación contemporánea. Tamén se enfoca na realización de videodanza e a súa última peza audiovisual Ilomilo foi seleccionada na sección oficial da 29 edición da Mostra de Videodança de Almada.
Ilomilo baséase na soidade e a compañía como forzas equitativas. O movemento flúe individualmente, observando as diferentes formas de xestionar esta soidade en forma de métafora: o espazo aberto e amplo en contraposición co espazo pechado, escuro. Unha porta é o elemento que conecta e semella separar á vez ambas escenas, ata que finalmente se chega a traspasala e danzar en relación.
Este traballo realizouse co impulso creativo xurdido tras o confinamento, en colaboración con outros novos artistas emerxentes que conforman a produtora Lunes Films (Inés Duport, Luis Santaolalla), máis o filmmaker Pedro Galbán. A equipa estivo a traballar máis de medio ano neste proxecto, do cal tres meses dedicáronse á coreografía.
Agora mesmo a compañía está a distribuir esta peza de videodanza por outras mostras e festivais a nivel internacional, mentres traballan nun novo espectáculo de debut, para o que recibiu, o verán pasado, unha residencia artística no espazo Laboratorio Escénico Coop.