Non vou a escribir aquí sobre a concesión da AP-9, renovada sen sacala a concurso público, a unha empresa de Madrid que nos está a sangrar. Iso déixollo aos políticos e a quen nos goberna, que van ser quen nos arranxen a vida.
Vou escribir aquí sobre algunha directora e algún director de escena que coñezo que, para poder facer algo, ou sexa, para poder traballar, tivo que ir facendo concesións respecto aos seus valores, ideolóxicos e estéticos, no eido da creación. Evidentemente, isto podería facerse extensivo a calquera outra persoa que para exercer a súa profesión teña que ceder en certos aspectos, nomeadamente naqueles que singularizan o que e o como.
A cuestión é que esa directora escénica que tivo que ir facendo concesións para chegar a traballar, acabou por facer espectáculos e por seren programados. Espectáculos que entraban dentro dos parámetros estandarizados segundo os ditados das conmemoracións e as reivindicacións en boga (basicamente a través do aparato das redes sociais e o ruído mediático). Temas que venden: a homofobia, a violencia de xénero, o quecemento global e a crise climática… Calquera proposta que se saia destes temas e das estéticas ou tendencias promocionadas desde as distribuidoras de espectáculos e algúns festivais de referencia, por exemplo a moda do teatro documental, ten difícil saída.
Acontece o mesmo coas equipas artísticas, nelas ten que estar esta persoa e non aquela outra, porque esta persoa é a que máis premios ten ou, sinxelamente, a máis botada para adiante e, por tanto, a que “está no candeleiro” e da que máis se fala. Agora pasa nos teatros, un pouco, o mesmo que pasa de sempre no cinema e nas series de ficción televisiva, produtos de signo máis industrial ou nos que o negocio e o diñeiro inflúen máis, que sempre aparecen as mesmas persoas, as mesmas actrices e actores. Pois nos teatros agora tamén hai que facer así, incluír na equipa artística os elementos en boga na dramaturxia, na escenografía, na iluminación, na interpretación, etc. Con certos nomes o proxecto véndese mellor, aínda que iso acabe por xerar unha certa homoxeneidade a diferentes niveis nos resultados.
Ao final, a directora na que penso, efectivamente fixo espectáculos. Espectáculos que non estaban mal, claro que non, pero na mesma proporción que foi facendo concesións, polo medo a non chegar, nesa mesma proporción eses espectáculos, máis ou menos entretidos e máis ou menos eficaces, resultaron prescindibles. Dalgúns deles xa case ninguén se lembra. Pero con algo hai que ir enchendo as programacións de fin de semana, non é?
O caso é que eu coñézoa e sei que podería facer algo excepcional. Pero, claro, como a propia palabra indica, se fai algo excepcional que non estea dentro deses parámetros antes citados, entón vaino ter máis difícil do que xa está a cousa e, como moito, vana programar nun par de sitios.
Logo tamén están esoutros “profesionais” que non teñen ou non saben moi ben que dicir. Persoas sen grandes nin pequenas conviccións alén do oficio de ir mirando un pouco de que lado sopran os ventos para poñerse a favor e, dese xeito, facerse un lugar. Algúns incluso se teñen por artistas porque dominan a arte do pastiche e da colaxe. Procuran onde poden, sobre todo en anacos de vídeo de Youtube ou Vimeo de compañías internacionais de renome e dedícanse a copiar unha cousa de aquí e outra de acolá e van resolvendo. Un “bo plan de marketing e de produción”, ou dito doutro xeito, saberse vender, e para adiante.
Pero canto vale unha concesión?
Ao final paga a pena facer algunhas concesións?
O medo, nas artes, non sei se será moi bo conselleiro.