in , , ,

Casilda Alfaro xa é ‘Xograresa de Outono’ do FIOT de Carballo

Casilda Alfaro
Fotografía do FIOT de Carballo
A actriz e membro do consello editorial da erregueté | Revista Galega de Teatro, Casilda Alfaro, recolleu onte, no Pazo da Cultura de Carballo, o Premio ‘Xograresa de Outono 2021’ do FIOT. Segundo o festival carballés, Alfaro é “unha das grandes traballadoras das artes escénicas en Galicia, impulsora de numerosas producións e fundadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC)“. Con este nomeamento honorífico, o FIOT valora “a súa gran calidade como intérprete e o seu forte compromiso empresarial no sector das artes escénicas no noso país”.
Casilda Alfaro recibiu o galardón de mans do escenógrafo e anterior ‘Xograr de Outono’ Carlos Alonso, e do director do FIOT, Alberto Sueiro, moi emocionada, recordando as súas profesións vocacionais: o teatro e a enfermaría. Escolas de vida, segundo Alfaro, que reivindicou tamén “ás compañeiras e compañeiros de Teatro de Ningures, cos que medrei profesionalmente; cos que compartín sacho e fouce para rozar e ir facendo camiño”.

Xograr / Xograresa de Outono

O nomeamento honorífico como Xograr ou Xograresa do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores premiados e á Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT. En anteriores ocasións gañaron este galardón artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño, Manuel Lourenzo, Patricia de Lorenzo ou Carlos Alonso.
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Concesión

Canto vale unha concesión?

FOOT

Pallasos en Rebeldía estrea ‘FOOT’ no FIOT de Carballo