in

O Festival Cartografía en Movemento inicia hoxe en Lugo a súa décima edición

Cartografía en movemento
Nieves Neira. Imaxe de Cris Vilariño.

O Festival Cartografía en Movemento cumpre dez edicións esta fin de semana en Lugo con dúas xornadas de artes vivas en espazos non convencionais e baixo o lema ‘O salvaxe volve ás rúas’, que convida a recuperar os camiños inesperados e salvaxes que as artes traen consigo logo dun último ano marcado pola pandemia. Á organización do festival, a cargo nestes anos da asociación 3monos, sumouse nesta edición o Colectivo Glovo, para sumar forzas nun evento que conta coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo.

A programación comezou hoxe ás dez co obradoiro de ‘Ioga con peluche’ no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a cargo de Elisa Medina, ao que seguirá ‘Lo que me deja el cuerpo’, impartido por Nacho Cárcaba, ás 11.45, onde o bailarín dará pautas para explorar novas posibilidades de relación co espazo e coas compañeiras. Estas propostas son para todos os públicos e para inscribirse cómpre só mandar un mail cos datos persoais a [email protected].

As 13.30, na sala de proxeccións do MILH, Aïda Colmenero presentará o seu documental ‘Ella poema’. A coreógrafa, que vén de ser recoñecida co Pina Bausch Fellowship “polo seu compromiso de vida co diálogo pola descolonización do coñecemento”, presentará esta peza creada e producida en África a partir de poemas escritos por mulleres cunha visión de xénero e postcolonial. A entrada é de balde e por orde de chegada ata cubrir as 68 praas.

O festival trasladarase esta tarde á Praza de Abastos, onde ás 19.00 horas abrirá o programa a compañía Entremáns cunha peza titulada ‘Amparo’, en referencia á protagonista da novela ‘La Tribuna’, de Emilia Pardo Bazán. Continuará Elahood, cun espectáculo sobre Xela Arias baixo o nome de ‘Intempestiva’. Seguirán Nacho Cárcaba e Elisa Medina coa súa proposta ‘Richard Charlie’. Ás 20.30, a compañía Elahood guiará a jam ‘Festa Salvaxe’, unha actividade participativa e aberta a todas as persoas con ganas de danzar.

A xornada do domingo celébrase ‘A alma de Cartografía’ con distintas propostas en espazos da cidade. O día comezará coa peza ‘Trenza’ ás 12.00 horas no Carril de Recatelo, unha intervención poética de Nieves Neira, Olalla Caamaño e Cris Vilariño. De novo na Praza de Abastos actuarán Ed Empty, Marco Trinidad e Ánxela Pardo ás 13.00 horas coa proposta ‘Loito’, e Empty pechará as propostas da mañá ás 13.30 cunha sesión de música e proxeccións.


Publicidade

A tarde comezará ás 17.00 horas na Praza do Cantiño con Carlota Durán e a proposta ‘Diamantes’ e continuará ás 18.00 diante do concello cunha clase aberta de swing da man de Lola Saltatore. María Llanderas levará á Praza do Campo ás 18.45 a súa proposta ‘A idea primaria é esnaquizalo todo (fragmento)’. Nos columpios do Parque de Rosalía, Jamil Liberato e Cris Vilariño presentarán ás 19.15 ‘Micherías’. Nas escadas que baixan ás Costas do Parque, Constance Hurlé despregará a súa poesía performativa ás 19.45. O ‘DesEnlace Salvaxe’, da asociación 3monos, pechará o festival a carón da Mosquera.

En caso de choiva, as actividades do sábado realizaranse no MIHL na súa totalidade, e as do domingo na Praza de Abastos e no Mercado de Quiroga Ballesteros. É posible acceder a máis información nas redes e na web do festival, que anima a brindar por unha década de artes escénicas, amizade e resistencia.

cartel con programa scaled |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ítaca teatro

Ítaca Teatro estrea ‘Formigas no peto’, un espectáculo emocional sobre a infancia

O dramaturgo Luis Manuel Soriano Ochando recibindo o Premi Born 2021. Foto Afonso Becerra

Luis Manuel Soriano Ochando gaña o XLVI Premi Born de Teatre 2021