in

A confrontación do ser humano como punto de partida para o cambio

Confrontación
'De risa en risa'. Imaxe de Mario Ferreira

A Associação Varazim Teatro nace en Póvoa de Varzim como grupo de teatro amador hai 24 anos. En 2006 crean a Companhia Certa, o brazo profesional da asociación, que traballa nas áreas da creación, formación e programación. Nesta última área levan a programación do Cine-Teatro Garrett cunha representación o primeiro sábado de cada mes durante nove meses, e tamén organizan o Festival Internacional de Teatro É-aqui-in-Ócio, que dá inicio á temporada teatral e do que a continuación imos falar.

O XI Festival Internacional de Teatro É-aqui-in-Ócio desenvolveuse na localidade portuguesa de Póvoa de Varzim entre os días 22 de setembro (inicio do equinoccio de outono), e o 2 de outubro.

A súa programación versa sobre unha temática concreta, nesta ocasión, O Ser Humano e os outros Seres, Humanos, tendo en conta tamén, as consecuencias da pandemia como fondo. Así programaron espectáculos para reflectir a necesidade de recuperar o riso e as liberdades que foron violadas neste último ano e medio; as diferentes identidades de xénero e o dereito de ser como ti es; a cuestión ambiental; o acoso en internet ou o illamento e a soidade das persoas maiores. Estes temas teñen o obxectivo de confrontar á comunidade todas estas cuestións que fracturan á sociedade. A arte pode traer estas cuestións á base da sociedade, comenta o seu director Eduardo Faria, e se queremos mudar a sociedade, temos que saber quen somos para poder proxectar un ecosistema diferente.

Publicidade

A erregueté | Revista Galega de Teatro foi convidada a este festival os días 24 e 25 de setembro e puidemos ver dous espectáculos que se desenvolveron no Cine-Teatro Garret, un fermoso teatro histórico do século XIX  que soportou  diferentes remodelacións desde o ano 1890 data da súa construción definitiva. A última foi en 2014.

A AJIDANHA. Semente. O homem que plantava árvores. Portugal

Entre o público que agardaba para entrar no Cine-Teatro Garret había un grupo de persoas con dificultades auditivas e de visión, atendidas polo persoal da Varazim Teatro. Mentres entrabamos na sala de butacas en grada, instalaban o “audiodescrição” ás persoas que o precisaban. E sentado diante, baixo o escenario, e mirando cara ao público, un profesional especialista en lingua xestual portuguesa.

O homem que plantava árvores é un texto de Jean Giono. Un conto alegórico, unha fábula, posta en escena pola compañía portuguesa A Ajidanha e interpretada formidablemente en portugués pola actriz estremeña Nuria Cuadrado.

A historia que narra a actriz é a súa viaxe por unha terra inhóspita, sen árbores e sen auga. Desesperada pola sede, vai ser salvada por un pastor solitario que a leva a unha fonte que coñece. Este home chamado Elzéard Bouffier cóntalle como, semente a semente, vai plantando árbores, repoboando el só esa árida terra. A narradora regresa a súa casa e pasado un tempo, despois da primeira guerra mundial, visita de novo ao pastor admirándose da fermosura da paisaxe repleta de árbores plantados polo señor Bouffier… Unha historia admirable que narra a vida dun home que co seu esforzo solitario, constante e paciente, converte o sitio no que vive nun lugar especial para si e para desfrute dos demais.

Sobre un sobrio escenario Nuria Cuadrado vai narrando a historia a través dunha linguaxe xestual que expresa temor, fatiga, ledicia, esgotamento, sorpresa… que comunica, en fin, os diferentes sentimentos e circunstancias que atravesa a súa personaxe ao longo da historia. Destaca tamén o seu traballo de voz. Na súa dicción e na súa interpretación, utiliza diferentes rexistros segundo sexa a voz do pastor ou a súa propia e tamén nas onomatopeas que suxiren o son da auga, dos animais, ou do vento. Os poucos obxectos empregados van adquirindo diferentes funcións a través do xogo. E será a mesma actriz quen leve a parte técnica.

Un fermoso espectáculo no que é perceptible a estética da Companhia do Chapitô da que é cofundador José Carlos García, o adaptador e director desta obra. Curiosamente este mesmo espectáculo está representado en galego pola Compañía Eme2 e en castelán por Marmore, Gestión y Distribución en Cultura, tamén con Nuria Cuadrado, e a única diferencia entre estes tres espectáculos é a interpretación das distintas actrices, onde cada unha delas achega a súa creatividade e estilo á peza. Existe unha cuarta adaptación, diferente ás tres primeiras, mais asinada pola mesma persoa, que representa en euskera Teatro Gorakada.

Semente Imaxe de Mario Ferreira 2 scaled |
‘Semente. O homem que plantava árvores’. Imaxe de Mario Ferreira.

AZIZ GUAL. De risa en risa. México

A sala abarrotada de público familiar provocou-nos unha enorme ledicia. O escenario está ocupado por unha pista de circo e, no lateral esquerdo, un músico tocando a batería.

Publicidade

Aparece o clown Aziz Gual, que axiña engancha pola súa presenza e que vai cativando a todo o publico a medida que desenvolve con sobriedade o seu traballo: malabares, equilibrios, tropezóns, disfraces coas máscaras, instrumentos musicais… todo un repertorio de accións propias do mundo circense. Mais do seu rostro de pallaso e da súa interpretación emana unha profunda simpatía e agarimo procurando sempre comunicar estes sentimentos ao seu público infantil e adulto sen distinción de ningún tipo. Simplemente como seres humanos. Como seres humanos que estamos xuntos para xogar.

A pesar das limitacións sanitarias o clown buscou a participación do público en diferentes momentos por medio da música e do xogo. Un espectáculo expresado, de risa en risa, co corazón.

Aziz Gual é o creador, director e intérprete deste espectáculo. É un clown cunha extensa formación e tamén é o fundador do refuxio cultural La Casa del Tonto, un espazo de residencias, creación e asesoría para pallasos en Cuernava, México.

A programación completouse con Damas da noite, de Elmano Sancho; Microspectivas dun marica millennial, da compañía galega Incendiaria; 100 c@ras, de Krisálida; A idade do silêncio, de Teatro do mar; Jojo, con Borja Ytuquepintas e À espera de Beckett ou quaquaquaqua, de Jorge Louraço.

Engadimos tamén o filme Family romance LLC, do director Werner Herzog; o concerto do dúo Recanto, con repertorio de músicas antigas e de raíz tradicional; a exposición fotográfica A Mulher na geomorfologia Cultural e a Cultura na geomorfologia da Mulher, na que o fotógrafo Alfredo Cunha, capta instantáneas da muller en Guiné-Bissau, un país con moitas diferenzas entre culturas no que aínda existe a mutilación xenital feminina ou as vodas entre crianzas.

Houbo tamén tres mesas de reflexión sobre A condição da muller na cultura guineense; O teatro em Portugal é um universo inclusivo? E finalmente, Que papel pode ter o teatro na transformação de uma sociedade por forma a que esta se torne verdadeiramente inclusiva?

Aziz Gual scaled |
‘De risa en risa’. Imaxe de Mario Ferreira

Publicidade
Publicidade
Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Repóker

Cámara Negra Teatro estrea ‘Repóker de ases’ na sala Ártika

Leonardo e os Biosbardos

Leonardo e os biosbardos