A crítica, en xeral, é unha facultade humana imprescindible para ver mellor, para coñecer(nos) e para progresar. Sen crítica hai estancamento. A crítica implica observación, escoita, análise, reflexión, pensamento, coñecemento. É, por tanto, algo que nos enriquece. Unha sociedade crítica é unha sociedade máis xusta, máis equilibrada e máis feliz.
Este sábado 13 de novembro a veterana Asociación de Premios da Crítica de Galicia celebrou a súa XLIV edición. No cartel conmemoraban tamén “con orgullo” o 40 aniversario do Parlamento de Galicia, sede democrática onde está representado o pobo galego. A Asociación dos Premios da Crítica é anterior á creación do Parlamento de Galicia e mesmo anterior ao Estado das Autonomías.
Na nosa terra a meirande parte das institucións que vertebran a cultura activa do país non son gobernamentais, senón entidades civís de carácter asociativo e independente. Nelas, nas asociacións culturais e veciñais reside a forza e a vitalidade do extraordinario do común, diso que nos vincula e nos axuda a estar aquí e poder ser o que queremos ser, e poder aspirar a algo mellor.
Os XLIV Premios da Crítica de Galicia recoñecen, en oito modalidades, os campos máis sobranceiros da verdadeira riqueza do país: Creación literaria, Investigación, Iniciativas culturais e científicas, Música, Artes plásticas, Artes escénicas, Cine e Artes visuais e Cultura gastronómica.
A erregueté | Revista Galega de Teatro recibiu o Premio da Crítica 2021 en Artes escénicas polo seu número 100. E eu imaxino que ese prestixioso premio é un recoñecemento á revista en xeral e a todas as persoas que lle dedicaron e lle dedicamos tempo (vida). Así que ese galardón correspóndelle ao milleiro de colaboradoras e colaboradores que, desde hai 39 anos, desde os oitenta até a actualidade, fixeron e facemos posible que exista unha publicación destas características.
A gala de entrega dos XLIV Premios da Crítica de Galicia 2021 escolleu unha frase da poeta Xela Arias como motivo: “Non hai idioma abondo para recoñecérmonos” e a min serviume para introducir o meu breve discurso de agradecemento cando subín ao estrado. “Non hai idioma abondo para recoñecérmonos” e por iso necesitamos os discursos que a danza, o circo, o teatro e as denominadas artes vivas (copiando a acepción francesa) nos ofrecen. E a erregueté | Revista Galega de Teatro é ese espazo no que se recolle a súa memoria. Unhas páxinas e un sitio web para a información, a divulgación e o coñecemento arredor das artes escénicas. Estas implican, á súa vez, unha reflexión e un coñecemento, artístico e lúdico, sobre o humano, sobre aquilo que nos constitúe como individuos e como pobo. Por tanto, a revista inscríbese e colabora nesa mesma dimensión.
Na miña opinión, a cultura galega, en pleno século XXI, continúa moi circunscrita ao xénero literario, principalmente á poesía e á novela, cunha desatención a outras manifestacións artísticas que son primordiais para que unha cultura teña unha entidade e unha identidade propias. Penso que continúa a haber unha hexemonía da literatura, como espazo simbólico privilexiado da cultura galega, e que o teatro, o circo e a danza fican nun segundo plano, moi por detrás. Por iso creo que este Premio da Crítica para a erregueté pode servir para visualizar e crear un pouco de consciencia no sector respecto a unha materia pendente, se queremos, algún día, ter unha Galicia plena.
Non sei en que porcentaxe a xente culta ou do sector cultural galego podería dicir o nome dunha coreógrafa galega ou dunha peza de danza. Porén, seguro que, nunha alta porcentaxe, poderían referir diferentes nomes de novelistas e poetas, así como de libros de poesía ou novelas. Si que sei canta xente culta ou do sector cultural galego le a erregueté, porque teño os datos aproximados. Pero prefiro non dicilos porque viría ser como se collemos os datos do último informe do Consello da Cultura Galega sobre a programación de danza nos teatros e auditorios de Galicia. No último ano do que hai tódalas cifras a porcentaxe foi dun 6%. E, no entanto, a danza está a ofrecernos tamén un discurso sobre nós, porque como sinala a frase de Xela Arias: “Non hai idioma abondo para recoñecérmonos”. Poño o exemplo da danza porque, das artes escénicas, en Galicia, a que se expresa a través do corpo, é a máis marxinada de todas.
Non obstante, este Premio da Crítica supón un paso moi importante na consideración das artes escénicas como un elemento fundamental, por parte do sector cultural, a través desta revista.
Cónstame, ademais, que Galicia é o único territorio, dentro do mapa estatal das Comunidades Autónomas, que conta cunha revista de artes escénicas propia. Por tanto, valorala e coidala é importante e este galardón axuda.
En breve, sairá á rúa, neste mesmo mes de novembro, o número 102 da revista, a toda cor, e o primeiro volume dunha colección de libros con textos teatrais, que contén dúas obras, unha delas Bailar agora de Marta Alonso Tejada, o primeiro texto dunha peza de danza que se publica en Galicia. A outra, HOme, de Iván Caloto, un texto dramático que aborda unha revisión necesaria da masculinidade. Tanto os variados contidos do número 102 da revista, que dá prioridade aos espectáculos como obxectos artísticos, así como estas dúas pezas que se publican en libro, son, na miña opinión, elementos que veñen a enriquecer, a aumentar e a expandir, a cultura galega. Por iso te animo a subscribirte á nosa revista e a que non deixes de ir aos teatros.