in

Este sábado celébrase o festival de artes escénicas da AELG

Teatro do Porvir
'museo-viveiro', vídeoperformance de Helena Salgueiro | Fotografía de Marcos Montiel

As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.

Este ano 2021, despois de confinamentos e restricións a causa da pandemia, decidiron “xogar todas as cartas á aposta pola creación escénica”.

Con esa intención celebran o IV Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal. Un evento que procura servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos.

O evento ten a vontade de facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para atopar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, quere procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, se poden compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.

Textualidades que soben aos escenarios, de maneira directa ou indirecta, en pezas de danza contemporánea, en pezas teatrais ou en propostas híbridas achegadas á performance, desde o concepto compositivo das dramaturxias posdramáticas.

Todo isto aberto ao público que desexe gozar e descubrir o que se está a cocer no ámbito das escénicas. O evento vai estar acompañado por un dos directores máis relevantes do teatro contemporáneo portugués, Gonçalo Amorim, quen ademais  ofrecerá unha aula maxistral sobre os retos das artes escénicas no actual contexto.

 

PROGRAMA

SÁBADO 20 DE NOVEMBRO

No Forum Metropolitano da Coruña (Rúa Río de Monelos, 1)


Publicidade

– 09:45 h. Apertura da IV Xornada.

IV Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).

– 10:15 h. Retake, de Amparo Martínez Paz.

– 11:00 h. Efecto flash, de Ana Abad de Larriva.

– 11:45 h. Humanocrono, de Susana Lorenzo Vázquez.

– 12:30 h. Aula maxistral a cargo de Gonçalo Amorim. Director artístico do FITEI, Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (Portugal) e director teatral do TEP (Teatro Experimental do Porto). “Festivais e teatros en tempos de distancias sanitarias”.

IV Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).

– 16:30 h. Ditados ou o ter de acabar, de Isabel Milhanas Machado.

– 17:15 h. Raigame, de Sara Guerrero Alfaro.

– 18:00 h. Meu rei, de Daniel González Lamoso.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Obra de Antón Pulido para o cartel dos XLIV Premios da Crítica de Galicia 2021

Premio da Crítica

ALBERTE BELLO 04 |

A compañía VAIEMBORA estrea en Vigo ‘Cariño’