in

Chicas y Chicos

Chicas y Chicos 027 |
Imaxe de Alejandra Duarte

Aniquilación familiar

Estreada na XXVIII FIOT de Carballo no 2019, Chicas y Chicos foi unha das pezas programadas por Vigocultura como actos paralelos ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e que, xunto coas Pioneiras/The Power of Women de iXa Universos de Movemento, nos axudaron a reflexionar sobre o punto no que estamos respecto á integración, igualdade e feminismo.

Por iso, tras a representación de cada unha destas pezas, facilitouse un encontro co público en formato de coloquio onde poder compartir pensamentos e inquedanzas, ademais do relativo ao feito teatral e artístico das propostas.

No caso de Chicas y Chicos, a proposta é un monólogo para actriz no que unha muller (Ella) relata a serie de feitos biográficos que desembocan na terrible traxedia de que o seu home mate os dous fillos de ambos. Fala o texto do que se coñece como “aniquilación familiar”, no que un dos membros da parella de pais asasina os fillos da mesma, para logo quitarse a vida. Ou, polo menos, tentalo.

É un termo que se cadra non estamos afeitxs a escoitar como tal, pero que por desgraza enche os nosos telexornais cada vez máis a miúdo, dando a entender que, como sociedade, algo estamos a facer mal. A obsesión, a posesión machista e o odio (necesidade perentoria de acabar como sexa con algo que desexas pero non podes ter) son os desencadeantes habituais deste tipo de crimes. Así, xs criminais aparecen como persoas normais e adaptadas á sociedade, pero que non foron quen de desenvolver a madurez necesaria para poder aceptar a frustración que aparece cando non queres que a túa vida cambie, como no caso dun divorcio.

Foi este o asunto que escolleu Dennis Kelly (Barnet, Reino Unido, 1970), para poñer en escena o personaxe da supervivente, Ella, que afronta como poucos personaxes o universo da memoria, xa que as súas son memorias que non quere lembrar. Kelly é un dramaturgo coñecido polas súas pezas para teatro ADN (DNA, 2008), Taking Care of Baby (2007) ou Osama the Hero (2004), mais se cadra aínda máis como guionista para a serie de TV Utopía (2013). Neste texto, tráxico non só polos feitos, senón polo irremediábel da estrutura, o autor contrasta os actos terríbeis acontecidos cun fino sentido do humor, que fai que vaiamos entrando na peza sen saber o escuro xiro que esta tomará.

Afrontando esta proeza, a actriz Antonia Paso (bisneta de Enrique Jardiel Poncela e neta de Encarna Paso, nada menos) desenvólvese con soltura tanto nos intres cómicos como nos dramáticos, sen caer no exceso que o material podería poñer se cadra máis a man. Persoalmente, atopeina deliciosa na ironía case televisiva da súa personaxe, aceda e corrosiva no relato dunha muller do noso tempo, perdida nun mundo de relacións desilusionantes ata que atopa un home que a sorprende e que, unha vez comprometidos, a anima a desenvolver unha exitosa carreira como produtora de documentais. Ata que ela ten máis éxito ca el. Ou que el cae no fracaso, que importa.


Publicidade

Se cadra é un tanto cuestionábel a elección do ton macarra e arrastrado para a voz do home. Porque Antonia encarna, no seu monólogo, intres de diálogo, tanto con El como cos seus fillos, repasando unha e outra vez os intres de memoria que xs levaron ao inferno. Este ton de voz fai que entremos nun aire farsesco que, malia contrastar coa traxedia, non axuda ao código de comedia aceda e intelixente no que nos estamos a mover. Con todo, é certo que eu me pregunto na miña butaca, “Por que se liará con este tipo?”, anticipando o desenlace.

A dirección vai na man de Lucía Miranda, quen ficou namorada do texto dende que o leu, se cadra tamén influenciada polo seu traballo como educadora a través da arte. Dende a dirección propón un desenvolvemento sinxelo, mais efectivo: unha muller que fala directamente co público mentres debulla o seu relato, roto con intres de cambio de personaxe, marcados tanto pola voz como polo físico, ou co emprego da mímica nos intres de relación cos fillos.

O espazo constitúe, ao meu parecer, unha das grandes apostas desta montaxe. Deseñado por Anna Tussell (formada xunto a Carl Fillion e que ten traballado en espazos como o Metropolitan de Nova York), é unha caixa aberta cara ao público sobre un chan de area. Este cubo (curioso o número de cubos que andamos a ver ultimamente nos nosos escenarios), feito de cemento, lévanos tanto a un chalé de última xeración como a unha prisión, o mesmo que o vestiario da actriz (feito por Adolfo Domínguez, mais en colaboración coa escenógrafa), que pode servir tanto para unha muller independente e á moda como para unha presa. Esta ambigüidade está posta ao servizo dun texto que non amosa as súas cartas ata o derradeiro momento.

Tamén a iluminación de Pedro Yagüe (en cores cálidos, como de posta de sol, contrastados cos xogos de sombras ameazantes), como o espazo sonoro elixido por Irene Maquieira (onde sorprende o contraste do Supertrouper de ABBA), están pensados para salientar esta ambigüidade que, sen dúbida, é o leit motiv da proposta e que axuda a entender que todxs somos susceptíbeis de vivir algo semellante, toda vez que ninguén é quen de saber, ao cento por cento, quen é x outrx que convive con nós.

Así, ficamos quietxs e caladxs no asento, unha vez expostos os feitos máis macabros, sen escatimar os máis precisos detalles, e nos que apreciamos que Ella non é quen de desfacerse desas lembranzas terríbeis polas que afirma non quere volver pasar. Mais, quen podería?

Chicas y Chicos, de El Sol de York

Autor: Dennis Kelly

Dirección: Lucía Miranda

Actriz: Antonia Paso

Escenografía: Anna Tusell

Axudante de Escenografía: Marta Guedán

Iluminación: Pedro Yagüe

Espazo Sonoro: Irene Maquieira

Vestiario: Adolfo Domínguez / Anna Tusell

Deseño Cartel: Paula Bonet

Fotografía: Alejandra Duarte

Tradución: Javier Ortiz

Distribución: Carlos M. Carbonell CRÉMILO

 

Audidorio do Concello deVigo. 26 de novembro de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Intempestiva, de Elahood

‘Intempestiva’, de Elahood, gaña o primeiro premio no Certamen Coreográfico de Madrid

Teatro Municipal Sá de Miranda. 5º Festival de Teatro de Viana do Castelo. Foto de João Grisantes

Cárcere | Damas da noite