in

‘Intempestiva’, de Elahood, gaña o primeiro premio no Certamen Coreográfico de Madrid

Intempestiva, de Elahood
'Intempestiva', de Elahood. Imaxe de J.C. Arévalo

A danza galega vén de recibir diferentes premios no Certamen Coreográfico de Madrid, celebrado o sábado 11 de decembro no Centro Cultural Conde Duque; entre os que destaca o primeiro premio para Intempestiva, de Sabela Domínguez e Julia Laport Rivas (Elahood). Ademais dese recoñecemento, que ía acompañado dunha dotación económica de 5.000 €, Elahood fíxose tamén co Premio da Crítica, cunha residencia no Centro Coreográfico de La Gomera, cunha residencia de creación e técnica en L’Estruch, Sabadell e cunha Residencia de Creación en Sacra Experience, en Chantada. O espectáculo xa recibira o premio á Mellor Peza na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres o pasado mes de novembro, certame no que Alejandra Balboa conseguira o premio á Mellor Intérprete coa súa peza Vertebrata. Ademais, Marrafa, de Esther Latorre e Hugo Pereira (Colectivo Glovo) gañou unha bolsa para Barcelona International Dance Exchange BIDE 2022  para Hugo Pereira e unha Bolsa DanceWEB 2022, en Viena, para Esther Latorre.

Por outra banda, A Casa Vella de Amiadoso – Allariz, dirixida por Nuria Sotelo e Rubén Vilanova, concedeu o seu premio de residencia de creación ao proxecto Convergencias, de Tania Garrido e Eva Alonso.

O xurado encargado de outorgar os premios estivo formado por Luz Arcas, coreógrafa, bailarina e directora artística da Cía. La Phármaco; Romain Guion, creador, bailarín, docente e xestor, comisario en Lucky Trimmer e colaborador en Tanzhaus Zürich; Raúl Lago, xestor cultural e programador de Carme Teatre, en Valencia; Anikó Racz, relacións internacionais en SÍN Arts Center, en Budapest; e Lisa Reinheimer, coordinadora artística en Dans Brabant.

Cos premiados desta edición, Galicia suma dúas novas compañías ás premiadas na historia do Certamen, como foron La Macana, Pisando Ovos, Nuria Sotelo ou Pálido Domingo.


Publicidade

No transcorrer das actividades do Certamen Coreográfico diferentes asistentes do sector da danza nacional destacaron os diferentes proxectos de Galicia, tanto artísticos como de xestión como son Corpo(a)Terra, LED Lugo, Residencias Paraíso ou Propulsa. O sector da danza, desde os diferentes territorios do Estado, subliñou o bo facer na danza e puxo o punto de mira en Galicia, na súa boa saúde e no enriquecedor momento que vive.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto Pablo Carrera.

Querida segunda persoa do singular

Chicas y Chicos 027 |

Chicas y Chicos