in

Proxectos, ideas e demais maquinacións

Irreverencias
Imaxe de Irene Moreira

As directoras escénicas temos no noso haber moitos proxectos que non deixaron de ser iso, proxectos. Algúns en fase de documentación, outros con ensaios feitos sen chegar a estrear, e un cento de ideas para escenificar que non saíron da cabeza pero tampouco deixaron de vagar nela.

Antes de morrer deberiamos ter un tempo extra para escoller un feixe deles e levalos ata o final. Mais vexo iso difícil de negociar, polo que propoño que por un intre pensemos… Onde están? No caixón da mesa, nos cadernos vellos, nesas copias dixitais de seguridade do ano catapún, entre os libros que deixamos a medio ler… Sería saudábel facer contas, reunilos e revisitalos cando xa vivimos a primeira parte da nosa vida, como é o meu caso.

As razóns polas que se abandonan son diversas, pero en moitos casos o motivo é a voráxine depredadora do sistema de novidades e escravitudes á hora de crear, e para entender estas coordenadas, nada mellor que ler a Remedios Zafra que o explica a toda unha xeración e ao mesmo tempo ás nosas individualidades como creadoras, no seu ensaio El entusiasmo, precaridad y trabajo creativo en la era digital publicado no 2017 por Anagrama. É tan axeitada a súa análise sobre o concepto capitalista do entusiasmo, dos soños e o engano optimista, que me dá rabia que sexa así, pero é irrefutábel.

Máis alá do pensamento crítico e de saber os porqués, con todos eses inicios poderiamos artellar unha nova montaxe, eu estou a valoralo con ganas, e facer unha nova que compile as ideas que son “nenos mortos” e ao estilo do disco Descartes, onde Silvio Rodríguez xuntou as cancións que non colleron noutros discos anteriores, estrear un espectáculo que fale dos proxectos que quedaron sen ser vistos polo público.


Publicidade

Na dirección non hai castings, certames e demais escaparates para darnos a coñecer, pero, agora cada vez máis e grazas ao concepto paraugas de “creadora”, podemos optar a dirixir coproducións e ir sementando proxectos ao longo e ancho das “residencias artísticas” que permiten dun xeito menos precario que o habitual realizar a nosa profesión e vivir ao mesmo tempo.

Outra das características propias da dirección é que o noso traballo se desenvolve na xénese da idea, na súa concepción e despois da estrea os nosos “servizos” xa non son precisos e iso obríganos moitas veces a realizar tarefas colindantes, ben na produción, ben na parte técnica, para poder cobrar o traballo nos bolos e na xira. Ou incluso directamente contar coa nosa presenza na peza para poder cobrar o que se adoita vender, que son as funcións e non os procesos ou os proxectos. Por que a que conta van todos os esforzos económicos, temporais e persoais de todos as propostas de escenificación que non viron a luz? Porque pensar, deseñar, e escribir custa cartos e debería ser recoñecido como tal polas institucións, para así poder valorar as artistas en liberdade e non só os traballos de encarga. Sería xusto que un teatro público coproduza un proxecto que se vai concibir sen ataduras dende a dirección de escena e non unha encarga sobre unha temática, unha autoría ou unha celebración concreta. Porque subvencionar a acción de pensar en liberdade sería unha boa causa para dedicarse á política cultural neste pais, sen dúbida.

Ás veces tamén penso que os proxectos están aí para iso, para ser fieis a súa natureza e ser soamente proxectos, aprendizaxes a medio camiño que nos ensinan o difícil camiño das escollas e fannos saber tamén que a vida só é unha, e por riba de todo hai que vivila.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

caixa de mistos |

A Sala Ártika acolle a sétima entrega do festival Pequeártiko

IMG 20211213 WA0005 |

Xián Martínez: “’Pioneiras’ é algo que construímos entre todas, con achegas de cada unha de nós”