in ,

Xián Martínez: “’Pioneiras’ é algo que construímos entre todas, con achegas de cada unha de nós”

IMG 20211213 WA0005 |
Imaxe de Ángel Sousa

Tivemos a gran sorte de poder compartir tempo con Xián Martínez (Vigo, 1996) e o resto do equipo creativo de Pioneiras / The Power of Women, a través do convite ao seu espazo de intimidade, onde puidemos falar de coreografía, posicionamento político, compromiso social, feminismo… así como do momento actual que está a vivir a danza no noso país.

Como xurdiu a idea de Pioneiras / The Power of Women?

XIÁN MARTÍNEZ.- Eu sempre vivín nun entorno moi feminino, tanto no familiar como entre amizades, polo que é un asunto que eu veño vivindo dende pequeno. No 2017 aparece a posibilidade de crear unha peza para un certame que despois chegou a Navarra, onde nos pediron que converteramos os 20 minutos iniciais nun espectáculo dunha hora. Así, preparamos Raíñas, unha peza para sete bailarinas, que xa apuntaba a un gran formato, e onde participaba xa unha parte do equipo que temos agora. Unha delas, María José (Casado), coa que coincidín no Conservatorio Superior de Danza de Madrid, pediume que lle coreografiara a súa peza de fin de estudos (primeira vez que un alumno dun curso inferior dirixía o traballo dun curso superior), de onde naceu Inmarcesibles, un solo no que aparecía xa a violencia de xénero como parte da súa temática. Así comezou a crearse un universo compartido, tanto por Raíñas como por Inmarcesibles, e onde aparecían tamén elementos comúns: os pétalos, os tacóns, as cordas… que tamén aparecen en Pioneiras. Chegamos ao 2020, antes da pandemia, e Sayoa (Belarra), que xa coñecía o meu traballo, pediume participar deste universo no que eu andaba, e xurdiu unha primeira investigación. Traballamos coas figuras do feminismo navarras, por exemplo, ou grandes referentes a nivel nacional como Clara Campoamor, pioneiras xa da loita polos dereitos da muller no noso país. Presentamos o proxecto e Navarra apoiou con moita decisión a nosa proposta. Claro que nese momento comeza a pandemia e ata o mes de xullo non puidemos poñernos a traballar de feito, pero logo conxugáronse moitos factores a favor para poder sacala adiante. A creación foi feita por Mariona (Jaume), Sayoa, Majo, Kate (Kateryna Humenyuk) e Ana (F. Melero), como bailarinas, e Paula (Urquijo) como bailarina en prácticas, dentro dun contexto moi positivo porque todo o mundo tiña tamén moitas ganas de traballar logo de tanto tempo encerradxs. A música creouse tamén ao tempo que a creación coreográfica, grazas á asistencia creativa de Fer (Fernando Martínez de Careaga) quen, grazas a ser tamén bailarín, entende a musica como intérprete.

Publicidade

Como foi para ti a creación deste espazo sonoro?

FERNANDO MARTÍNEZ DE CAREAGA.- A miña experiencia é algo moi natural. Levo relativamente pouco tempo facendo propostas musicais e de espazo sonoro para pezas de danza, algo que xurdiu sen sequera eu propoñermo, pero sempre vivindo a música como un elemento que acompaña á escena. Por exemplo, en Pioneiras a miña proposta é un diálogo entre o que acontece na escena co movemento e o ambiente sonoro, onde tanto pode aparecer música como sons da natureza, industriais…

Neste espazo sonoro que comentades, salienta o discurso dunha figura polémica como Madonna.

XIÁN.- Unha eminencia. Trátase do discurso que Madonna deu cando a recoñeceron como Muller do Ano no 2016, e que para min era un resumo perfecto da primeira parte do espectáculo: unha invitación á reflexión sobre a sexualización da muller, neste caso a través dunha cantante de pop que fala do uso consciente da súa sexualidade como mensaxe. Todo este discurso queda moi reflectido no dúo da primeira parte, onde podemos ver varios modelos de muller postos en espello.

Entón, quen son as Pioneiras?

XIÁN.- (Sinalando ao grupo de bailarinas que nos acompaña) Elas son as pioneiras. Ademais de todo o traballo que fixemos de documentación sobre referentes históricos, quixemos facer tamén unha abordaxe dende o feminismo nas situacións máis cotiás, mesturando con universos como a modelaxe, o culturismo feminino, as cantantes pop ou mesmo a mitoloxía.

IMG 20211213 WA0006 |
Imaxe de Ángel Sousa

Como é para vós participar nun espectáculo como Pioneiras?

ANA F. MELERO.- Moi gratificante. (Sinalando ao grupo que nos rodea) Como podedes comprobar ao final Pioneiras é unha familia. A sensación dende a mesma creación foi moi especial, como se estivésemos nun campamento. Todas somos intérpretes colaboradoras, malia que Xián viñese xa cunha estrutura moi definida dende o principio. Todas nós participamos na súa proposta, navegando con ela a través dunha serie de ideas que xa eran moi claras. Se cadra cada unha de nós teriamos feito unha peza diferente, polo que o guión que nos propuxo axudounos a organizar as nosas propostas.

XIÁN.- Tamén foi unha cuestión de tempo. Tivemos só un mes para a creación da peza, grazas á residencia que nos deron no DNA’20. Quixemos aproveitar ao máximo ese tempo, espazo e orzamento para presentar unha peza rematada, con iluminación, espazo sonoro, vestiario… O proceso creativo podería ter sido máis rico se tivésemos tempo para probar todo o que elas querían probar, pero non había ese tempo.

Publicidade

FER.- Tería sido máis un proceso de investigación ca de creación, sen ter tempo para rematalo.

E como facer propio un proxecto destas características?

ANA.- É certo que somos todas intérpretes moi diferentes. De feito, case ningunha do estilo de danza de Xián, polo que o proceso foi tamén unha aprendizaxe dunha linguaxe particular de movemento.

XIÁN.- De feito, Pioneiras non é unha representación do que é o meu estilo como coreógrafo, nin tampouco do estilo de cada unha delas. É algo que construímos entre todas, con achegas de cada unha de nós.

FER.- Digamos que Xián chegou cun rizoma, un esqueleto moi claro, e a nós deunos tempo para facelo florecer.

Por que ese cambio de cinco a nove intérpretes?

MARIONA JAUME.- Xián mandounos hai xa moito tempo un pdf con tódolos cambios que quería facer para pasar daquela peza de cinco bailarinas a nove, onde xa recollía esa idea de gran formato.

XIÁN.- A que coreógrafo non lle apetece facer unha peza de danza en gran formato? Penso que en España é algo que se está a perder e que en Galicia, por exemplo, non existe. Obviamente temos a Nova Galega de Danza ou a Fran Sieira, pero a maioría de producións son de pequeno formato. Unha das nosas ideas era, precisamente, a de tecer redes co sector profesional galego. Eu mesmo teño bailado moi pouco na miña terra e Pioneiras é a primeira peza coa que chegamos a facer xira aquí. A intención orixinal era traballar coas miñas cinco bailarinas máis catro galegas, mais logo unha das de aquí non podía e foi substituída por outra do noso equipo. Así e todo, tres semanas antes de desembarcar aquí, unha das bailarinas galegas comunicounos que lle sería imposible participar, e falamos con Elena (Castellanos) que aprendeu a coreografía en tan pouco tempo. Finalmente, bailarinas galegas temos a Tania Velo (que había doce anos que non subía a un escenario) e a Paula Quintas.

Ademais, falamos dun coreógrafo moi novo.

XIÁN.- Si, a miña iniciativa creativa chegou moi cedo, aínda que sempre que remato cunha coreografía dígome “Xa non fago máis”…

MARIONA.- Hoxe no descanso xa nos falou dunha nova idea que ten para o ano que vén… (Risos).

XIÁN.- Si, xa estou pensando na seguinte. Pero non quero deixar de ser bailarín. Son moi novo e creo que teño aínda que aprender.

Tamén no equipo abondan as coreógrafas. Por exemplo, Mariona Jaume gañou un concurso en Mallorca e varias residencias creativas; Kateryna Humenyuk ten compañía propia (Cía. No Bautizados) coa que chegaron a gañar un premio en Danza no claustro; Ana F. Melero forma parte do Colectivo Banquet, que tamén teñen levado varios premios; Elena Castellanos traballa como investigadora na parte teórica da danza…

 

 

Volvendo a Galicia, como vedes a situación da danza aquí, agora mesmo?

XIÁN.- A situación da danza é un pouco semellante fóra dos lugares onde máis se oferta (Madrid e Cataluña): Galicia, País Vasco, Navarra… do que coñezo, o sector adoita ser moi endogámico e non é doado que se contraten novas compañías ou compañías que veñen de fóra. Ao mesmo tempo, o diñeiro público tamén vai para as compañías que xa se coñecen, polo que a xente que quere facer cousas novas teno máis complicado.

KATERYNA.- Tal e como eu o vexo, o problema é que o orzamento público é moi escaso, o que non facilita que as compañías poidan facer plans de futuro, tendo que vivir sempre ao día e co perigo de non poder seguir.

XIÁN.- Necesitamos que se programe máis danza para poder crear tamén máis público de danza. No noso caso, por exemplo, cando se nos contrata, as persoas que programan adoitan quedar encantadas, pero o difícil é chegar aí, porque moitas veces tiran de nomes e para facerse un nome fai falta tempo. A min encantaríame traballar e vivir en Galicia, pero polo de agora resulta imposible.

FER.- Acontece moitas veces, e é o noso caso, que nos convertemos en apátridas por querer ser profesionais no que nos gusta, que é a danza.

XIÁN.- O que é incrible é a gran calidade de propostas que estamos a ter e que estas non estean a xirar máis por toda España. Nós, en concreto, tivemos moita sorte de ter catro datas contratadas en Galicia: Ourense, Vigo, Ferrol e Vimianzo. Pero o percorrido futuro de Pioneiras é agora mesmo bastante incerto. Temos contratos fóra de Galicia e mesmo fóra de España, pero seguimos traballando para que teña a difusión que se merece.

Publicidade
Publicidade
Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Irreverencias

Proxectos, ideas e demais maquinacións

Nina Ninette |

A MOTI celebra a súa 18ª edición