in

A Agadic convoca unha liña de axudas para a modernización dos teatros, auditorios e salas escénicas e musicais

teatroprincipalcompostela |
A Xunta de Galicia, a través da Agadic, presenta unha liña de subvencións para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e musicais. Os espazos públicos e privados de exhibición de espectáculos poderán solicitar ata o 28 de xaneiro este apoio para acometer proxectos de renovación que teñan como prioridade a dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental, segundo recollen as bases publicadas onte no Diario Oficial de Galicia para esta convocatoria, a primeira dirixida ao sector cultural galego que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

As destinatarias destas axudas, que suman 1 210 000 euros, son as entidades xestoras de espazos de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, tanto privadas como integrantes da Administración local, que deberán levar a cabo os proxectos de modernización antes de que finalice o ano que vén.

Continuidade en 2022
Esta nova vía de apoio terá continuidade cunha segunda convocatoria en 2022. Este investimento implicará a renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio, maquinaria escénica e produción en teatros, auditorios e salas, co obxectivo de que redunde nunhas mellores condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público. Na convocatoria atenderanse tamén as necesidades de rehabilitación dos edificios para mellorar a súa eficiencia enerxética e favorecer a súa adaptación ao cambio climático.

Con estes fins, subvenciónanse os custos de elaboración dos proxectos técnicos; as obras de instalación, modernización e rehabilitación; a compra, montaxe e instalación de equipos e materiais; a renovación das ferramentas de xestión artística e de produción de espectáculos ou os gastos de auditoría, entre outros. A contía da axuda no caso das entidades privadas pode alcanzar ata o 80% do orzamento da proposta, cun límite de trinta mil euros por beneficiaria, mentres que para as entidades públicas esta porcentaxe sitúase no 70% e a axuda máxima en cincuenta mil euros.


Publicidade

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

José Luis Baños de Cos

José Luis Baños de Cos gaña a oitava edición do premio de textos teatrais Varela Buxán

transverse2 |

Transverse Orientation