in

A Deputación de Pontevedra estrea ‘Un biolo na noite’, a peza gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria

Entrega I Premio de Microteatro da Memoria |
Entrega do I Premio de Microteatro da Memoria a Ana Abad de Larriva. Imaxe da Deputación de Pontevedra.

O salón de actos do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolle este mércores, día 2 de febreiro, a estrea da peza de microteatro Un biolo na noite, da dramaturga e actriz Ana Abad de Larriva, que gañou en 2021 o I Premio de Microteatro da Memoria, organizado pola Deputación e a ESAD de Galicia. Ademais, o departamento de Memoria Histórica do organismo provincial aproveitará o acto para facer entrega do galardón da edición de 2022, consistente nun agasallo institucional e 500 euros, á dramaturga Sara Rey pola súa obra A patente do sol.

O evento, que se celebrará ás 19.00 horas e no que tamén haberá música, será aberto ao público, aínda que, debido á limitación de capacidade será preciso inscribirse escribindo ao correo [email protected], outorgándose as prazas por orde de chegada.

A montaxe d’Un biolo na noite, desenvolvida dentro do ámbito académico da ESAD de Galicia, está dirixida por Natalia Feijoo e interpretada por Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A peza está baseada en feitos reais; en concreto, na historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista (e durante case catro anos) viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias.  A peza pretende poñer en valor a figura de María, quen percorría os montes para ir buscar as menciñas do fillo e vendía roscas na feira para poder mantelo; “unha homenaxe escénica poética e libre a unha muller que, como tantas, atravesou a noite en silencio para abrir un biolo no medio da escuridade”, en palabras da propia autora, Ana Abad de Larriva.

Segundo o xurado que a seleccionou como mellor obra das que se presentaron a concurso en 2021, nela destacan “o artellamento espacial, vencellando as atmosferas do monte e a natureza coa intriga dramatúrxica e os personaxes nun diálogo áxil e profundo; a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas á vez; e o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”.


Publicidade

Pola súa parte, a directora de escena e dramaturga Sara Rey tamén recibirá o  II Premio de Microteatro da Memoria pola peza ‘A patente do sol’. O xurado destacou a obra entre os traballos presentados pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

O Premio de Microteatro da Memoria da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á memoria histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeracional.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Bailar Agora'. Foto Mila Ercoli

O FETEGA abre o prazo de aceptación de propostas para a 33ª edición do festival

50470168653 9b00184f46 k |

After the Party