in ,

After the Party

50470168653 9b00184f46 k |
Imaxe de Luis Sant Andrés

Dancing with Myself

 

Pecha o TRC Danza de A Coruña a súa programación expandida de outono coa peza After the Party, do coreógrafo e bailarín británico Thomas Noone. Durante os meses de setembro a decembro, puidemos desfrutar na cidade herculina de pezas como as E-migrantas de Kirenia Danza, It’s A Wrap (Kubrick is Dead) de La Intrusa, Dosis de paraíso de Sharon Fridman, o Wu Wei de Raquel Klein e After the Party, unha peza coa que volve Noone aos escenarios como bailarín, logo dun tempo de exercer só como coreógrafo.

After the Party foi estreada no SAT! Teatre de Barcelona en 2019, percorrendo con ela diferentes escenarios estatais durante o tempo de pandemia. Nela, o coreógrafo, presenta o que el mesmo chama un “só para dous”, xa que na mesma vemos como baila cun monicreque que o representa, un alter ego que o bailarín articula e pon en movemento a través da súa manipulación.

Publicidade

A peza propón un traballo sobre o concepto da dualidade dende varias perspectivas. Primeiro, o bailarín ten espazo para un só no que explorar o diálogo do propio corpo, a linguaxe que aparece cando nos conectamos con nós mesmxs, contraposto ao tempo no que aparece o monicreque, cando o diálogo se abre a un movemento conxunto (ou disxunto).

Ámbalas partes están ben diferenciadas, sen que aconteza unha evolución dunha cara á outra. Vemos entón a soidade de quen semella estar de volta dunha festa, cos restos da mesma espallados por unha mesa longa e varias cadeiras no espazo. Un espazo no que aparece a soidade de quen, se cadra, preferiría estar acompañado.

Unha das teimas creativas de Thomas Noone é a afirmación do espazo escénico. Neste senso, o bailarín enche o espazo, habitándoo co seu corpo e coa súa soidade, nunha translación da emoción ao movemento.

Neste intre, é tan importante a iluminación como o son, como a dramaturxia de movementos. Certamente, aparece a intención dun diálogo coa luz, que semella querer participar da peza, pero non a atopamos realmente desenvolta, sendo a escuridade a que maior presenza ten na peza. A música composta por Jim Pinchen salienta o aire de soidade e, se cadra, apunta cara ao misterio da mesma escuridade que envolve a peza.

O espazo baleiro acada unha nova dimensión cando aparece a marioneta, coa que Noone xoga a diferentes niveis: a sorpresa, a identificación (con movementos onde desaparece o bailarín e aparece o monicreque), o diálogo.

É esta outra das teimas compositivas de Noone para esta peza: a dualidade. Se cadra por propio prexuízo, coidamos que atopariamos nesta dualidade un enfrontamento cox outrx, que non é máis ca un reflexo de nós mesmxs, un traballo dende o ego ou a sombra. Mais o que atopamos nesta peza foi máis a observación dunha relación estraña, onde x outrx son eu. Algo que Noone adoita traballar nas súas pezas de conxunto e que, desta vez, decidiu reflectir sobre si, axudado polo monicreque que o representa.

O certo é que o monicreque non ten vida sen o bailarín que o manipula, ofrecendo así unha lectura sutil dos outros “eus” cos que nos representamos de cotío: teñen vida realmente sen a nosa vontade? A sucesión de composicións que Noone executa coa marioneta lémbranos ao traballo de Martha Graham (referente para o artista), tanto como ás creacións de corpos monstruosos, a través de partes de diferentes intérpretes que adoita utilizar o grego Dimitris Papaioannou.

Entón, cal é a diferenza co solo?

Que eu bailo comigo mesmo e este baile é un diálogo a través do uso dun obxecto animado por min, metáfora de que nada existe fóra de nós, de que a soidade nunca é se nos acompañamos a nós mesmxs e somos quen de nos escoitar, por desagradable que sexa o que nos temos que dicir.

Publicidade

A festa rematou, e só quedamos eu e máis eu.

Con esta peza, Thomas Noone, acadou a candidatura a mellor bailarín dos premios MAX na categoría de “Mellor Intérprete Masculino de Danza”, na súa edición de 2019.

Publicidade
Publicidade

After the Party, de Thomas Noone

Coreografía e Dirección: Thomas Noone

Construción da marioneta: André Melo

Coaching: Duda Paiva

Asesoramento actoral: Montse Puga

Música: Jim Pinchen

Fotografía: Manuel Pérez, Germán Antón, Yoana Miguel

 

Teatro Rosalía de Castro. 11 de decembro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Entrega I Premio de Microteatro da Memoria |

A Deputación de Pontevedra estrea ‘Un biolo na noite’, a peza gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria

'SAHASRARA' de Maria Fonseca. Direitos Reservados.

Começa a 11ª edição do GUIdance em Guimarães, de 3 a 12 de fevereiro