A educación é o eixo fundamental da peza As alumnas, a nova montaxe de Culturactiva Producións que se estrea mañá, venres 3 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. O sábado, día 4, haberá tamén unha función en Vilagarcía de Arousa.
Anabell Gago e Mónica Camaño, dirixidas por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.
“As alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, sinalan dende Culturactiva Producións.