in

Inversa Teatro estrea ‘O Péndulo’ dentro da programación de Vigocultura

Fusilados e represaliados no 1936
Fusilados e represaliados no 1936

A estrea é no Auditorio Municipal de Vigo o venres 4 (20h). O sábado 5 (21 h) representarase na Casa da Cultura da Cañiza

Inversa Teatro estrea O Péndulo, unha obra de teatro-documento que ten como referencia temporal e conceptual a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Unha das singularidades da obra é que este achegamento á nosa historia colectiva faise desde o persoal. Marta Pérez, codramaturga e actriz, trasládanos a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da Cañiza que foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia.

Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza e única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. María conseguiu salvarse do fusilamento no último momento alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

En escena conviven ficción e a realidade. Aínda que todo o que se conta é real. Marta Pérez interprétase a si mesma no proceso de investigación do que en verdade aconteceu co seu bisavó e co resto dos represaliados. Sobre as táboas revísase o ocorrido a partir de documentos e testemuños reais.

Nerea Brey e Rosa Puga Dávila encárganse da recreación de feitos históricos e da intrepretación de personaxes como a alcaldesa María Gómez, Pura Martínez Garrido (filla do alcalde Martínez Garrido), Urania Mella, Fina Manjón (irmán dun dos fusilados que aínda está viva), veciñas, tías e mesmo a avoa e a visaboa da dramaturga.


Publicidade

A PRODUCIÓN

‘O Péndulo’ é unha produción de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e a Área da Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Colaboran o Concello da Cañiza, o Concello de Negreira e o Concello de Vigo.

A obra estréase no Auditorio Municipal o venres 4 de marzo ás 20 hora. O sábado 5 representarase na Casa de Cultura da Cañiza, ás 21 horas. As seguintes funcións terán lugar o día 11 de marzo no Auditorio Manuel Dopazo de e o sábado 26 no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar.

A equipa artística está integrada por Marta Pérez e Ernesto Is (texto), Carlos Álvarez-Ossorio (dirección e espazo escénico), Nerea Brey, Marta Pérez e Rosa Puga Davila (interpretación), Inversa Teatro (escenografía e vestiario), Jesús Andrés Tejada (espazo sonoro e vídeo), Marieta R. (deseño gráfico) e Marta Pérez & Nerea Brey (produción).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As Alumnas con Anabell Gago e Mónica Caamaño

Culturactiva Producións estrea ‘As alumnas’

Microefectos Dramatúrxicos. Clavicémbalo Lugo. Foto Pepe Saavedra.

Os Microefectos Dramatúrxicos voltan ao Clavicémbalo de Lugo