in

Ragazzo

Ragazzo
Imaxe de Lorena Domínguez

ou O gran soño do mundo

“Tu [..] sta nei miei occhi e racconti le sirene e gli inganni del tuo

sogno che va

tu ragazzo dell’Europa

tu non perdi mai la strada”

Ragazzo dell’Europa – Gianna Nannini

 

Na Xénova de 2001 vive Ragazzo, un rapaz cheo de vida e de soños envolto de súpeto nunha serie de acontecementos que son máis grandes ca el: a reunión do G8 na cidade fai que o goberno italiano de Berlusconi decrete o meirande recorte nos dereitos sociais que se lembran en Europa dende o remate da II Guerra Mundial: peche de fronteiras, prohibición de libre circulación, reunión e manifestación, despregue de 30.000 policías pola cidade… mesmo prohiben pendurar a roupa dos balcóns, nunha primixenia loita contra o “feísmo” urbano.

Como contrapartida, a cidade vive unha auténtica “revolución social” na súa meirande parte liderada pola xuventude europea, que convocan un contra-cumio en protesta. Chegan de todo o mundo para amosar ao seu descontento por como os poderosos (todos homes daquela) levan o mundo.

A inevitábel consecuencia é o enfrontamento e, no mesmo, a violencia, a represión, o abuso e a morte. As cargas policiais contra xs manifestantes da Praza Alimonda rematan co asasinato por parte dun grupo de carabinieri do mozo Carlo Giuliani. Un ragazzo. Un rapaz. Un rapaz calquera.

Os acontecementos nos que se basea o magnífico texto de Lali Álvarez (quen participa da adaptación logo da súa estrea en 2015 co actor Oriol Pla) son tan brutais, tan fiel reflexo da incongruencia do sistema e ao tempo, memoria aínda tan viva e presente, que resulta difícil afastarse da conmoción provocada por estes feitos e atender ao espectáculo teatral coa mirada limpa mais, pregúntome, é isto preciso? ou é xusto “o preciso”?


Publicidade

Ragazzo ten o pulso da traxedia. Malia que a meirande parte do texto nos leve cara ao sorriso ou a empatía coa vivacidade do protagonista, o desenlace é necesariamente fatal. E como ese final será tal e como está escrito (nas estrelas, no fado, no texto), o pouso do inevitábel deixa un sabor amargo. Como ten que ser.

Mais, como toda traxedia, Ragazzo é unha celebración á vida que a precede. En escena un rapaz, un ragazzo, un rapaz calquera que vive un verano de xuventude. Coas súas ilusións, coas súas ganas de festa, de praia e de amor. Tamén co compromiso político que se cadra se pode ter a esa idade: a forza mesma da vida que bate no seu pulso chama á defensa do berro e da liberdade.

A proposta dirixida por Xavier Castiñeira (un dos responsables de ButacaZero) lévanos a empatizar rapidamente con este rapaz que podería ser calquera de nós ou calquera de vós. Non fai nin sequera falla que compartamos o seu posicionamento político para poñernos na pel dun rapaz, dun ragazzo, dun rapaz calquera, que só quere vivir.

E nesa pel, aparece o actor Anxo Outumuro, que defende o enorme monólogo coa mesma forza vital do Ragazzo. Habitante dun universo okupa que semella un garaxe, o intérprete desprega toda a súa enerxía para darlle vida a este rapaz, este ragazzo, este rapaz calquera que mesmo podería ser el mesmo. Nótase así a identificación actor/personaxe, que está posta ao servizo da peza, facendo que o ragazzo apareza no escenario.

Compre sinalar que Ragazzo é un proxecto que nace dentro da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, como Traballo de Fin de Grao, e que esa xestación académica fala dunha xeración de profesionais do teatro galego que están a agromar nestes intres, cun discurso propio e moitas ganas de facer teatro comprometido.

Nese mesmo proxecto está, por exemplo, o traballo de Violeta Martínez, graduada en escenografía pola ESADg, e que compón o universo lumínico que acompaña as aventuras e desventuras deste rapaz, este ragazzo, este rapaz calquera. A luz xoga un papel importante dentro dun escenario que ten un amplo espazo baleiro, conformando lugares alternativos e mesmo facendo aparecer ao carabinere que premeu o gatillo fatal.

O espazo, por certo, é tamén determinante, dividido en dous grandes bloques, nos que o peso maior corresponde ao esqueleto dun coche do que podes tirar calquera cousa (como o chapeu dun mago), tendo no termo oposto unha enorme escaleira pola que o rapaz, o ragazzo, pode chegar ata o ceo.

Este rapaz, este Ragazzo, este rapaz calquera é calquera porque podería ser calquera de nós. Mais non é calquera porque a proposta de Barrosanta fai que Ragazzo sexa alguén especial, memoria viva do abuso de poder e da inxustiza dun sistema que non foi capaz nin de condenar ao seu asasino.

“Ragazzo dell’Europa / tu non perdi mai la strada.”

Ragazzo, de Barrosanta

Elenco: Anxo Outumuro

Dirección: Xavier Castiñeira

Dramaturxia: Lali Álvarez

Iluminación: Violeta Martínez

Espazo escénico: Xavier Castiñeira

Axudantía de dirección: Diego Chamizo

 

Sala Ártika, Vigo. 13 de febreiro de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Exercício para Performers Medíocres' de Tita Maravilha. Rua das Gaivotas 6. Lisboa. Foto: A Padilha.

eu sou medíocre, tu és medíocre, …

'Ningún hombre me llevará a la cumbre' de Celeste González. Foto de Nerea Coll.

Corpos, Xénero e Sexualidade programa a Celeste González este sábado na Coruña