Miña xente,
Mentres o mundo se mantén amarrado minuto a minuto a un goteo diario de reportaxes de noticias, podería convidarnos a todas, como creadoras, a mergullarmos no noso enfoque, esfera e perspectiva específicas acerca do tempo épico, a mudanza épica, a reflexión épica e a visión épica? Vivimos un período épico da Historia e as profundas e consecuentes mudanzas que estamos a experimentar nas relacións dos seres humanos consigo mesmos, entre si, e cos mundos non humanos, está practicamente alén das nosas capacidades de comprender, articular, falar e expresar.
Nós non vivimos nun ciclo informativo de 24 horas, nós vivimos á marxe do tempo. Os xornais e os medios de comunicación están completamente desequipados e son incapaces de tratar co que estamos a vivir.
Onde está a linguaxe, cales son os pasos e cales as imaxes que nos permitirán comprender as profundas alteracións e rupturas que experimentamos? E como poderemos transmitir o contido das nosas vidas, neste preciso momento, non como reportaxe senón como experiencia?
O teatro é a forma artística da experiencia.
Nun mundo acosado por extensas campañas de comunicación, experiencias simuladas, prognósticos sinistros, como podemos superar a interminable repetición de números, para experimentar a santidade e a infinidade dunha vida única, dun ecosistema único, dunha amizade, ou da calidade dunha luz nun ceo estraño? Dous anos de COVID-19 toldaron os sentidos ás persoas, restrinxiron as súas vidas, romperon ligazóns e colocáronnos nun estraño grao cero da vida humana.
Que sementes é preciso sementar e volver a sementar nestes anos e cales as especies invasoras que, excesivamente crecidas, necesitan ser total e finalmente erradicadas? Hai tantas persoas que están no límite. Tanta violencia a estourar, irracional ou inesperadamente. Hai tantos sistemas establecidos que foron expostos como estruturas de crueldade continuada.
Onde están as nosas cerimonias de evocación? De que precisamos de nos lembrar? Que rituais nos permiten finalmente re-imaxinar e comezarmos a ensaiar pasos nunca dados?
O teatro de visión épica, propósito, recuperación, reparación e coidado precisa de novos rituais. Non precisamos que nos entreteñan. Precisamos reunirnos. Precisamos compartir espazo e precisamos cultivar o espazo compartido. Precisamos de espazos protexidos de escoita profunda e de igualdade.
O teatro é a creación na terra dun espazo de igualdade entre seres humanos, deuses, plantas, animais, horas de chuvia, lágrimas e rexeneración. O espazo de igualdade e escoita profunda é iluminado pola beleza escondida, mantida viva nunha interacción profunda de perigo, ecuanimidade, sabedoría, acción e paciencia.
N’ O Sutra da Grilanda Floral, Buda enumera dez tipos de gran paciencia da vida humana. Unha das máis poderosas é a denominada Paciencia de Percibilo Todo como Miraxes. O teatro sempre presentou a vida deste mundo como unha miraxe, posibilitándonos ver a través da ilusión, decepción, cegueira e negación humanas, cunha claridade e unha forza liberadoras.
Estamos tan seguras daquilo que vemos e da forma en que o vemos que non somos quen de ver e sentir realidades alternativas, novas posibilidades, abordaxes diferentes, relacións invisibles, conexións intemporais.
Chegado é o tempo dunha profunda actualización das nosas mentes, dos nosos sentidos, das nosas imaxinacións, das nosas historias e dos nosos futuros. Pero este traballo non o poden facer persoas soas, traballando de maneira illada. É un traballo que precisamos facer xuntas. O teatro é o convite para facermos este traballo xuntas.
Grazas profundas polo voso traballo.
Peter Sellars (EUA), Director de Teatro, Ópera e Festivais.
(Tradución de Roi Vidal Ponte)