Utopía: (substantivo feminino) Modelo imaxinario de organización social ideal, moi afastado das condicións reais.
Hai uns anos, cando eu aínda era un (bastante) despreocupado alumno de interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, escoitei, nun daqueles modernos e (estrañamente) asépticos corredores, unha dramática afirmación:
“Aproveitade o voso tempo aquí porque logo non ides poder pensar en teatro todos os días.”
Vou, amablemente, a disentir.
Entendo a razón de ser desa frase, é evidente. Pero o seu intrínseco pesimismo non me acabou de gustar nunca. E agora, que teño bastante cabreo co beneplácito social ante desánimo, quero plantarlle cara.
Para min, os últimos anos foron unha loita constante e diaria para non cumprir a profecía desa sentencia. En época de supervivencia, ser un iluso parece incluso máis utópico. E eu quero reivindicar o optimismo ante momentos de escuridade.
Vivir con ilusión non significa ser un inxenuo. Son total e absolutamente consciente dos problemas do noso maltratado mundo. Leo os xornais todas as mañás. Costume que, por certo, collín como estudante. Sei que agora a des-información é a regra, pero existen lugares de información fiable se se ten algo de interese. Hai mundo máis alá dos medios xeneralistas.
O caso é que a ilusión é un sentimento irremediablemente revolucionario. Porque desterra a apatía, ilumina a mirada e, ademais, contaxia.
Hai días mellores ca outros, pero quero pensar que compensa vivir con entusiasta ilusión o día a día no teu oficio. Supoño que todo acaba por reflectirse no que se fai e no como se fan as cousas. Por iso, se cabe, ten especial importancia buscar aqueles lugares que significan en positivo. Porque logo iso chega á xente.
E si, sempre hai motivos para seguir adiante, para superar un mal día, ou para ter a certeza de que todo ten, sempre, un lado positivo. E si, ás veces, o único que fai falla é ir ao teatro.
Mira ti!