in

Roberto Pascual recolle o Rafael Dieste na Gala dos premios culturais da Deputación da Coruña

Gala Premios da cultura Deputación da Coruña

O Teatro Colón da Coruña acolleu a Gala de Premios culturais da Deputación na que se homenaxearon as 31 persoas e entidades premiadas nas convocatorias de 2020 e 2021 que por mor da pandemia non puideron recoller os seus premios.

A Gala foi especial e atípica ao agrupar premiados e premiadas dos dous exercicios nos que non se puido realizar o habitual acto de entrega anual e supuxo, ademais, a primeira vez que se celebrou no Teatro Colón. Tamén como novidade, contou cun fío condutor a través de diversas accións que tiveron como protagonista a luz, co obxecto de escenificar a achega que todas as persoas premiadas fixeron á Cultura, e por tanto á sociedade. Neste sentido, Valentín González Formoso, na súa intervención institucional, felicitou ás gañadoras e gañadores dos 31 galardóns e felicitouse de poder recuperar a presencialidade desta gala cultural tras dous anos de limitacións pola pandemia.

Formoso, lembrou que do sector cultural dependen máis de 30.000 empregos e representa arredor do 2% do PIB galego. “Estamos falando de cifras similares ao do sector da pesca, que entendo que ninguén negará que é fundamental e estratéxico para a economía de Galicia”, afirmou o presidente provincial.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto mencionou os tres eixos nos que se fundamenta a política cultural da Deputación: a lingua, a que cualificou como “o noso gran tesouro identitario e piar irrenunciable no noso modelo cultural”; unha visión da cultura con capacidade de transformación social, para avanzar en cuestións básicas para a cidadanía como a igualdade, a cohesión social ou a inclusión; e o territorio, tecendo redes desde a proximidade, da man de concellos, entidades e colectivos e creadores e creadoras”.

Ademais das intervencións institucionais do presidente da Deputación e do deputado de Cultura, durante o acto tamén interviron unha pequena representación de comisarias e xurados: a xornalista María Obelleiro, en calidade de xurado do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade, o fotógrafo Xurxo Lobato, en calidade de comisario do Premio Luis Ksado de creación fotográfica, a xornalista Susana Pedreira, en calidade de comisaria do Premio Torrente Ballester de narrativa, e a xornalista Teresa Cuíñas, en calidade de xurado do Premio Fran Pérez ‘Narf’ para grupos e artistas musicais.

A Gala estivo presentada polas actrices Carmen Méndez e Lidia Veiga, e contou coas actuacións do contador Celso F. Sanmartín e da formación musical Son Trío, composta polas músicas Su Garrido Pombo (voz) Katerina Linke (piano), e Susana Blanco (cello). Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta. Tamén participaron nunha acción colectiva no escenario, colocando cada unha delas unha luz para contribuír a iluminar a escenografía que compoñía as letras DACCULTURA. Unha acción que complementaba o photocall instalado no vestíbulo do Teatro e que estaba realizado a base de bombillas led e un neón alusivo aos Certames DACCultura.


Publicidade

Roberto Pascual: Premio Rafael Dieste

Roberto Pascual (1981), profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e membro do Consello de redacción da erregueté, recolleu o XX Premio Rafael Dieste pola obra Sophie non é o meu nome de guerra.

Foi o pasado mes de stembro cando o xurado, que estivo composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, a actriz Iria Pinheiro, a creadora escénica Marta Pérez e o autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes, e escolleu por unanimidade a obra Sophie non é o meu nome de guerra entre as 54 presentadas.

A xurado salientou que “se trata dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina”. Tamén indica que “aborda un tema insólito no teatro galego xa que que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller”. O fallo do premio valora tamén que “a historia está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa”. Á hora de escoller a obra tamén puxeron en valor que “resulta de especial interese por transcorrer a acción na actualidade e nunha cidade galega”.

En anteriores edicións, o premio recaeu en Fernando Castro Paredes, Ernesto Is, Roberto Salgueiro, Xosé Pacho e Ze Paredes, Alberto Guede, Santiago Cortegoso, Teresa Moure, Gustavo Pernas, Inma Antonio, Manuel Lorenzo, Miguel Sande, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Xavier Lama, Xesús Pisón, Raúl Dans, e Xesús Pisón.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe dunha parede cun graffiti. Por Andreas Fickl.

En primeira liña de pensamento

Premio María Casares

Os María Casares dan a coñecer as candidaturas finalistas