in ,

Os María Casares dan a coñecer as candidaturas finalistas

Premio María Casares
O trofeo dos Premios de Teatro María Casares. Imaxe de LaDiapo

Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXVI Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro mércores, 27 de abril, durante a tradicional Festa de Finalistas celebrada en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia.

Un total de 30 espectáculos e máis de 320 profesionais concorren aos XXVI Premios de Teatro María Casares galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O proceso de inscrición finalizou o pasado 10 de marzo rexistrando a participación dun total de 30 montaxes e 327 candidaturas de profesionais que se postulan para as catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

Tras a fase de inscrición, a AAAG iniciou unha primeira rolda de votacións da que sairán as candidaturas finalistas. Tanto os socios da AAAG, como diversos responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e persoas finalistas en edicións anteriores puideron votar ata o pasado 18 de abril.

Publicidade

Os Premios de Teatro María Casares son o gran escaparate do teatro galego, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro. Ese día entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que neste 2022 redactou o actor Fernando Dacosta.

Unha Casares moi pop

Leo Sousa asina a creación do cartel dos XXVI Premios de Teatro María Casares, dando así continuidade a iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, a banda deseñada e o deseño gráfico. Deste xeito, en convocatorias anteriores asinaron o cartel dos galardóns nomes como da talla de Andrea López, David Rubín, Xulia Vicente ou Aldara Prado.

Para o cartel dos María Casares 2022, Leo Sousa apostou por desenvolver unha decidda aposta pola estética pop. “Xoguei con cores primaras moi vivas e mesturei dúas técnicas artísticas diferentes: o debuxos e o collage. Ademais, de pano de fondo subxace unha inspiración na cartelería do teatro e mais do cine dos anos corenta”, explica o propio Leo Sousa, quen admite que usou a figura de María Casares neste seu centenario remarcando tanto “a súa potencia” coma “a súa rotunda elegancia”.

CARTAZ VERTICAL |

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gala Premios da cultura Deputación da Coruña

Roberto Pascual recolle o Rafael Dieste na Gala dos premios culturais da Deputación da Coruña

Arte sen guion |

Galicia é a comunidade autónoma convidada na 45ª edición do Festival de Almagro