in

Galicia é a comunidade autónoma convidada na 45ª edición do Festival de Almagro

Arte sen guion |
'Arte sen guión'. Imaxe de Manuel G. Vicente.

Galicia será a comunidade autónoma convidada de honra na 45ª edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, segundo anunciou o venres o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o director do evento, Ignacio García; o director da Agadic, Jacobo Sutil, o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, e o presidente da asociación Escena Galega, Santiago Cortegoso. Galicia convértese así na terceira comunidade autónoma en ser convidada en Almagro.

Na presentación o conselleiro avanzou os espectáculos de artes escénicas galegas que ofrecerá a Xunta no festival, “co obxectivo de que o gran público coñeza o Século de Ouro galego e acceda á nosa cultura en todas as súas expresións”. A programación prevista inclúe a estrea absoluta de La Toffana, de Vanessa Montfort e con dirección de María Herrero, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) con La Quintana Teatro e Proyecto Barroco. Ofreceranse tamén as pezas Arte sen guión, de Galeatro, e A barca do inferno, de Moving Compass, estreadas o mes pasado no marco do ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura de Galicia e o CDG. A primeira delas rescata a temática medieval e a segunda inspírase no Auto da barca escrito polo portugués Gil Vicente no século XVI, mediante a técnica de manipulación de obxectos.

 


Publicidade

Pezas inspiradas nas cantigas

Ademais, Producións Teatrais Excéntricas representará o seu espectáculo Estrela do día, estreado o pasado ano no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, con dramaturxia de Quico Cadaval a partir das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio e dirección de Marcos PTT. Carballido. A música chegará da man de Xoán Curiel e Xosé Lois Romero, cun concerto centrado nas cantigas de amigo e textos galegos do Século de Ouro. Nel presentarase, no marco do Xacobeo 21-22, unha versión musicada das Décimas ao Apóstolo Santiago, escritas por Martín Torrado Mariño en 1627.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premio María Casares

Os María Casares dan a coñecer as candidaturas finalistas

Atopémonos Bailando 2022

‘Atopémonos Bailando’ dá a coñecer aos artistas seleccionados entre 93 propostas de España e Portugal