Anómico Teatro estrea Nohorizontes esta fin de semana no Teatro Ensalle, en Vigo. Nohorizontes é unha peza escrita en 33 cadros que ten como tema de fondo a construción de barreiras na paisaxe (física, imaxinaria e da memoria). O detonante foi a invasión de macroproxectos de renovables no territorio, e tamén a defensa destes territorios a través do activismo. Julio Fernández Peláez asume o texto, a dirección artística e interpretación deste traballo, que foi escrito a finais de 2021 e principios de 2022, e que recolle tamén a implosión provocada pola guerra de Ucraína na propia capacidade de reacción fronte á crise climática.
Cunha forte compoñente poética e pictórica, a composición da obra déixase levar polo ritmo que impoñen os temas musicais elixidos e que articulan a súa vez os 16 traballos de vídeo que dan forma ao relato. Cancións, voces e accións poéticas mergúllanse nun río de pensamentos, lembranzas, soños e pesadelos, dando lugar a que a palabra reivindique o seu propio horizonte.
Nohorizontes poderá verse o venres 27, o sábado 28 e o domingo 29 ás 20.00 horas, no Teatro Ensalle.
“Necesitamos a resistencia, si, a insubmisión, a covardía dos non combatentes que pasan a vida contemplando a distancia e descubrindo os matices do horizonte, así sen máis, porque o horizonte nunca é o mesmo, porque o horizonte é a beleza que nos anima a seguir con vida, porque o horizonte é corazón e sempre nos devolve un sentimento novo e sen estrear, e unha esperanza. Si, necesitamos regresar á sinxeleza da auga que corre, das nubes que pasan, do vento que latexa libre. Necesitamos facer as paces coa contorna e retroceder, non xerar máis enerxía, non consumir máis esforzos. Necesitamos ser o que eramos, si, antes de tolear”.
Ficha artística
Producción: Anómico Teatro.
Texto, dirección artística e interpretación: Julio Fernández Peláez.
Dirección técnica: Jaume Blai.