in

A AAAG concede o Premio de Honra Marisa Soto a Lino Braxe

Falece Lino Braxe
Imaxe de Eduardo Castro Bal

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe, unha figura poliédrica da  escena e da cultura galegas, que deixou ao longo da súa ampla carreira unha fonda pegada en varias xeracións da profesión teatral. O seu traballo incluíu diferentes vertentes do oficio escénico, xa que  cultivou a interpretación, a dirección, a escrita, a adaptación, o teatro radiofónico ou o teatro de base. Ademais, o xenio creativo do actor falecido a finais de 2020 estendeuse á poesía, sendo un dos integrantes do coñecido colectivo De amor e Desamor, á narrativa, á pintura, á dobraxe, ao audiovisual, a música e ás ondas ao traballar como locutor en RNE durante máis dunha década. Nesta emisora, exerceu de adaptador da obra dramática de autores galegos como Blanco Amor ou Cunqueiro.

Con este galardón, a AAAG quere recoñecer a traxectoria e celebrar a vida dun autor multidiscipinar, un artista todoterreo cuxo compromiso coa cultura sempre foi un estandarte dende as diferentes frontes nas que militou. Lino Braxe foi membro do grupo de persoas que a mediados dos noventa impulsou os Premios de Teatro María Casares. Foi el quen se encargou de contactar en varias ocasións para que a actriz afincada en Francia cedese finalmente o seu nome aos galardóns do noso teatro, que neste 2022, ano en que se conmemora o centenario da intérprete, alcanza a súa 26ª edición.


Publicidade

A AAAG concede por segunda vez o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo, algo que só aconteceu previamente en 2014 cando o homenaxeado foi Xosé Manuel Olveira, Pico. Con esta decisión excepcional, sublíñase o afecto da profesión e cólmanse peticións que xurdiron dende o corpo asociativo da AAAG. O premio será entregado o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da Coruña durante a gala dos Premios María Casares que, organizados pola AAAG, conta co apoio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña ou a Fundación AISGE.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Yellow Lemon

Xián Martínez estrea ‘Yellow Lemon’ en Montreal

estrea Nohorizontes

Anómico Teatro estrea ‘Nohorizontes’ en Vigo