in , ,

Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” galardoado co Premio de Honra da MIT de Ribadavia

Eduardo R. Cunha Tatán

No ano no que se conmemoran os 40 anos da compañía Tanxarina Títeres, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia outorga o Premio de Honra da MIT 2022 a Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”. O actor e artesán dos monicreques é o fundador dunha das compañías de referencia dos títeres de Galicia. Xunto con Kukas, Cachirulo ou Viravolta, Tanxarina construíu a partir dos anos 80 unha gran tradición e público afeccionado á arte dos obxectos animados, tanto a través de creacións propias, na organización de festivais coma na divulgación dun oficio entre o artesanal e o experimental.

O Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño desta edición de 2022 recoñece a figura solidaria, amable, inqueda e sensible que se puido ver en varios traballos escénicos ao longo destes anos, dende os alleos ao seu grupo, como Terceiro Acto, ata as pezas de A galiña azul, Titiricircus ou Contaloucos, coa súa familia escénica habitual, Miguel Borines e nos últimos tempos Andrés e Pablo Giráldez.

Din dende a organización da MIT que “Tatán é máis ca ese prestixioso titiriteiro que acabou en Barcelona no taller do mestre Harry Tozer por circunstancias do destino e por inquedanza artística e formativa”, senón que é un “teatreiro de vocación xa dende a Compostela da súa época universitaria nas aulas de Dereito, músico, actor de cine, activista nun sentido estrito da palabra, activista da arte e da cultura do país”.


Publicidade

Na concesión do premio, destacan a defensa da lingua por parte do actor, así como “do traballo da xente nova, participante de históricos proxectos na historia do teatro galego coma aquela cooperativa chamada Producións Teatrais do Sur na que se xuntaron as compañías Teatro do Morcego, Teatro de Ningures e Tanxarina. Tatán foi facilitador, é unión e alento e acolle ensinanzas e impulsos que seguramente deberían concluír na concreción dun desexo seu e de moitos: unha especialidade de teatro de obxectos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que na súa época de estudo non existía e que hoxe tanto nos podería distinguir.”

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Lecons du Vendredi |

María Roja e Vanesa Varela estrean a performance ‘Leçons du Vendredi’

'Dislocación', de Berio Molina

O CGAC acolle unha mostra dedicada ás artes vivas