in ,

Redondela énchese de monicreques co comezo do Festival de Títeres de Redondela 2022

Festival de Títeres de Redondela 2022
Imaxe: Rafa Estévez (2016)

O Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) celebra a XXIII edición con 31 compañías internacionais que despregarán máis de 80 actuacións, tanto de sala como polas principais prazas e rúas da vila. Así o deu a coñecer o director do Festival, Luis Crespo, no acto de presentación no que estivo acompañado pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; Iria Vilaboa, Concelleira de Cultura, Carlos López Font, Deputado Provincial e Jacobo Sutil, director da Agadic; responsables das principais institucións colaboradoras.

Malia que os principais comercios da vila xa locen nos seus escaparates as pezas da exposición ’40 anos de Tanxarina Títeres’, as funcións teatrais darán comezo este xoves ás 20:00h no Multiusos da Xunqueira. Será o israelí Ariel Doron o encargado de inaugurar a programación de sala con Plastic Heroes, unha obra realizada mediante o uso de obxectos que normalmente non se consideran artísticos como xoguetes, iPads, iPhones ou vídeo, e que está destinada a maiores de 14 anos.

Xa o venres, á mesma hora, a compañía francesa La Salamandre, escenificará Un océan D’amour, unha montaxe de teatro actor e de manipulación de obxectos onde se trata o amor, a rutina, o paso do tempo, a soidade, a sociedade de consumo, e incluso de pensamentos insignificantes que se transforman en grandes ideas. É unha odisea épica, feita con títeres, dunha adaptación do libro de Wilfrid Lupano e Grégory Panaccione.

Na fin de semana, o auditorio da Xunqueira acollerá aos galegos de Títeres Alakrán, que representarán o sábado ás 20:00h a montaxe infantil Desconexión, e ao aragonés Víctor Biau, que subirán ás Táboas con El hombre que plantaba árboles o domingo ás 19:00h.

Os espectáculos de sala estenderanse este ano ata o luns e martes (Día das Letras Galegas), días nos que se poderá gozar con Happy Bones de Teatro Matita, de Eslovenia, e A Cazola de Lola, da histórica compañía redondelá Tanxarina Títeres.

As últimas entradas para as funcións de sala poderanse mercar o mesmo día das funcións dende dúas horas antes do comezo, a un prezo único de 5€.


Publicidade

Monicreques e música nas rúas durante catro días

A programación de rúa volverá este ano a locer como nos mellores anos do Festival de Títeres de Redondela, e prolongarase de sábado a martes. De novo, e malia que dende a organización se faga un chamamento ao sentido común, as 74 funcións previstas no exterior serán de balde e sen reserva previa. Compañías chegadas de Arxentina, Italia, Portugal, Madrid, Aragón e, por suposto, Galicia, encherán os seis escenarios ubicados no Salgueiral, Praza do Concello, Pista da Xunqueira, Palco da Música, Soportais e o Campo da Petanca. 

Ademais de monicreques, a música estará moi presente nesta edición con concertos de Paco Nogueiras, Latexo Percusión, Uxía Lambona e a Banda Molona, Cé orquestra pantasma, Pakolas e Breocáns, e agrupacións como The Turre’s Band, Fanfarria Furruxa, Os Alecríns ou a Charanga Bicoia.

A Casa da Torre acollerá a instalación de Alauda Teatro Ingenii Machina, unha proposta da compañía de Castela e León na procura de achegar e difundir, dun xeito ameno e divertido, os segredos da mecánica clásica. Unha actividade para xogar e descubrir o funcionamento dos autómatas, os monicreques xigantes ou realizar xogos de habilidade, que se poderá visitar de maneira ininterrompida o sábado de 17:00h a 20:00h, o domingo de 12:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h, o luns de 17:00h a 20:00h e o martes, último día do Festival, de 12:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h.

Os espectáculos itinerantes volverán percorrer o centro da vila, e animarase a toda a veciñanza a participar activamente disfrazada de exploradores ou de personaxes fantásticas para acompañar as propostas dos Animacreques de Catropés, os Gigantes dos rioxanos de Birloque Títeres, a Festa Xurásica de EducaTeatro ou os Monstruos de la Universal e Granujas a todo ritmo de MG Producciones.

Volverá tamén o tradicional mercadiño titiriteiro (dedicado unicamente ao mundo dos monicreques) e os Títeres pola Gorra durante os catro días, nos que as principais prazas e rúas da vila encheranse do mellor teatro de monicreques e  da mellor música do panorama actual.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

(Algunhas) Cousas de Castelao

Isabel Risco e Fran Rei estrean unha obra de teatro inclusivo sobre Castelao coa Asociación Avante

FITEI Pedro Vilela

Volve o FITEI a Viana do Castelo cun espectáculo sobre o xenocidio indíxena no Brasil