(Algunhas) Cousas de Castelao é a nova obra de Culturactiva Producións e a Asociación Avante, que se estreará o vindeiro 20 de maio ás 20:30h no Centro Cultural Fernando Casas de Novoa de Sigüeiro. Unha peza que pasea polo drama e a comedia e que é un achegamento ao humor na obra do xenio de Rianxo. O espectáculo está producido por Artefeito Producións e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Un elenco encabezado por actores e actrices da Asociación Avante aos que se suman Isabel Risco e Fran Rei, converten esta peza teatral nunha reivindicación do teatro como ferramenta de inclusión. “Todo o mundo ten dereito a participar na cultura, non só a destrutala, tamén a creala” afirman dende Culturativa Producións. “Os proxectos como este, que normalizan e dan visibilidade á diversidade funcional, non deberían ser unha novidade senón unha normalidade”.
O público gozará dun divertido percorrido polos textos de Castelao, achegánsose á súa enxeñosa forma de ver a Galicia do seu tempo. As festas populares, as xentes do mar, a retranca, o idioma, a morte, o humor, o medo… temas locais e universais que siguen a preocuparnos hoxe en día.
(Algunhas) Cousas de Castelao ofrécennos o mosaico dunha realidade galega atemporal, que nos antecede. “Queremos botar un ollo ao pasado para comprender mellor o presente e, de paso, facer rir ao público”, conclúen. Ademais da estrea do día 20, xa están pechadas sete datas en sete Concellos grazas a xira de FalaRedes 2022.
A Asociación de Personas con Discapacidade AVANTE naceu no Val do Dubra coa vontade de coordinar e defender os dereitos e intereses das persoas con discapacidade e das súas familias. Traballan para promover a plena integración social a través de iniciativas como a dramatización e o teatro, realizando talleres con Fran Rei dende hai cinco anos.
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



